Política Territorial adxudica a autovía Carballo-Berdoias, adiantando así a previsión do desdobre da vía de alta capacidade, previsto inicialmente cara a 2018.
Zona pola que discorrerá a autovía / Google Earth
Finalmente, a vía de alta capacidade da Costa da Morte será unha autovía no tramo entre Carballo e Berdoias, de 42,4 quilómetros. O investimento previsto pola Consellaría de Política Territorial será de 219 millóns de euros e prevese que o primeiro treito, entre Carballo e Baio, abra ao tráfico en novembro de 2010 e o segundo, até Berdoias, en maio de 2011.
A mesa de contratación avaliou como máis vantaxosa a oferta da agrupación formada por Ferrovial Agromán e Taboada y Ramos, que poderá recibir a adxudicación en canto acredite que cumpre coas obrigas legais. As obras empezarán cando a empresa presente o seu proxecto construtivo e os técnicos da consellaría lle dean o seu visto e prace.
A vía entre Carballo e Berdoias, no concello de Vimianzo, constará de catro carrís de 3,5 metros, dous en cada sentido, con beiravías interiores de 1,5 metros e exteriores de 2,5 metros. Estará libre de peaxe.