Despois de anos de preitos por acoso laboral, Adolfo Campos, rexedor do PP en Dozón, quedará suspendido para o exercicio de cargos públicos.
Así e todo, a sentenza xudicial que se coñecía este luns renuncia a condenar o rexedor, Adolfo Campos Panadeiros, polos delitos de lesións e agresión aos dereitos dunha traballadora. Tamén evita estabelecer pena de cárcere e non indica indemnización económica. A acusación particular solicitara indemnizar a vítima do acoso con até 230 mil euros e pedía pena de cinco anos de cárcere, alén da inhabilitación finalmente decidida polo xuíz.
O xuízo celebrárase hai un mes, froito da denuncia da CIG contra o alcalde por presunta prevaricación, e despois dun longo proceso que incluíu a presentación de múltiples denuncias por acoso laboral por parte dunha empregada do Concello. O conflito xurde hai xa oito anos, cando a traballadora se presentou aos comicios municipais de 1999 na candidatura local do BNG, ademais de saír elixida tamén representante sindical por parte da CIG. Nese momento comeza o que foi denunciado como "acoso laboral sistemático", denunciado reiteradamente e constatado en máis de dúas ducias de sentenzas firmes que condenaban o alcalde a cumprir a lei.
En comunicado enviado aos medios de comunicación na tarde do luns, o rexedor manifesta o "absoluto respecto" á sentenza que o inhabilita por nove anos pero subliña o seu "total desacordo coa condena imposta por prevaricación". Así, Adolfo Campos anuncia un "inmediato recurso" diante do organismo xudicial.