O ferrolán, que o vindeiro mes marcha para o Senado, recoñece que ten que “pensar o seu futuro” e ábrelle a porta a Carlos Negreira.
O até de agora presidente do PP coruñés, Xoán Juncal, anunciou este mércores que pon o cargo a disposición do partido. O político ferrolán, en declaracións a Europa Press, deixou caer que ten moi poucas papeletas, por non dicir ningunha, para seguir sendo presidente provincial do seu partido. E é que, a pesar de que Juncal di que "ten que pensar o seu futuro", o seu recambio está decidido dende hai meses. Tal e como infomabamos en xaneiro, a maioría dos alcaldes populares da provincia non queren que o ferrolán prolongue a súa estancia no cargo. O seu propio “padriño político”, Xosé Manuel Romay Beccaría, busca unha nova cabeza para o PP coruñés. Aínda que os rexedores pedían un congreso para esta mesma primavera, a xuntanza podería retrasarse até que se celebre o congreso do PP español, previsto para o mes de xuño.
Juncal tomará posesión do seu cargo de senador o vindeiro mes. O feito de que se lle ofrecese encabezar a lista ao Senado foi interpretado en clave interna como unha “saída digna” para un home que chegou hai tres anos co encargo de borrar da provincia calquera rastro de oposición ao “sector do birrete”. A súa ascensión interpretouse como unha demostración de que Romay Beccaría volvía ser o barón na Coruña. Atrás quedaba unha etapa na que Xesús Almuíña, co apoio expreso de Xosé Cuíña, presidiu o partido.
Carlos Negreira sería un “magnífico candidato”
O ferrolán aproveitou o seu anuncio para botarlle unha man a Carlos Negreira. Segundo Juncal, o voceiro do PP na cidade da Coruña é un “magnífico candidato” para substituílo. Como exemplo da aposta, o ferrolán lembra que o PP, neste últimos comicios. subiu en votos na cidade herculina. Negreira déixase querer e, logo de devolverlle cumpridos a Juncal, sinala que estará “onde o partido queira”.
Sexa como for, o futuro presidente ten que contar coa bendición de Romay Beccaría e o apoio dos alcaldes, algo que lle faltou a Juncal dende os primeiros días. O perfil excesivamente técnico de Negreira non semella ser un bo punto de partida para chegar á presidencia. Nomes como os de Adolfo Gacio, alcalde de Boqueixón, aparecen tamén nas quinielas dos populares coruñeses. O que fora delegado do goberno español en Galiza, Arsenio Fernández de Mesa, é outro dos que estaría disposto a dar batalla interna, aínda que a súa figura non semella contar con demasiadas simpatías.