Feijoo avisa de que os populares galegos agardarán a ver as candidaturas presentadas no congreso do partido. O mapa de ruta incluía o posíbel regreso de Rajoy a Galiza.
"O PPdeG non é o presidente do partido e por iso imos ver cantas candidaturas se presentan". Así de cauteloso aparecía o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, despois do comité executivo do PP, onde Mariano Rajoy anunciou a súa intención de tratar de liderar o partido outros catro anos e até as próximas eleccións xerais.
Con todo, Núñez Feijoo subliñou o seu apoio "a título persoal" a Rajoy, pero non garantiu que no seu conxunto o PPdeG vaia asumir unha posición sen fendas en favor de quen foi líder os últimos anos. O máximo representante do PPdeG este martes en Madrid revelou que foron "algúns dos dirixentes presentes" na xuntanza executiva os que lle trasladaron o apoio explícito a Rajoy, e que algúns dos máis importantes "felicitárono" expresamente. Xa que logo, e vista a falta de unanimidade ao respecto da continuidade de Mariano Rajoy, Feijoo non descarta que vaian presentarse outras candidaturas, alén da do propio Rajoy, no congreso adiantado ao mes de xuño.
E será un mapa de rota que lle podería afectar moi directamente ao PPdeG. Así, en primeiro lugar, aos populares galegos corresponderalles a difícil tarefa de tomar posición a nivel interno nun momento especialmente complicado e cunhas eleccións en Galiza no prazo posíbel dun ano. Por outro lado, este martes transcendía ademais que relevantes integrantes da executiva dos populares lle aconsellaban a Rajoy que mantivese o liderado do PP cando menos dous anos, e que en función das perspectivas nesa altura, considerase a opción de volver a Galiza para liderar o asalto do PPdeG á Xunta. Trátase ademais dun plan de ruta que admite que o PPdeG está agora mesmo lonxe de conseguir un triunfo por maioría absoluta que lle garanta o regreso ao poder no país.