O PSE saca vantaxe dos febles resultados conseguidos por PNV -que perde un escaño-, EA -que fica sen o seu único representante-, e EB -que consegue menos da metade dos votos de 2004.
NaBai medra en votos e mantén o seu escano. Na imaxe, Uxue Barkos
Mal pintan as cousas para o tripartito vasco. As eleccións xerais déixano se non afundido, si tocado: case 200.000 votos menos ca en 2004 non son para menos.
En 2009, Euskadi elixe os seus representantes parlamentarios, mais pouco antes -este mesmo outono- hai convocada unha consulta popular sobre o futuro do país. Ningunha das dúas citas electorais é peixe podre; os resultados deste domingo de seguro van provocar profundos debates internos tanto dentro dos partidos coma dentro do goberno.
Pola súa banda, o PSE consegue dous deputados máis ca en 2004. Se ben a influencia do asasinato dun ex concelleiro socialista en Arrasate o pasado venres non tivo -aparentemente- excesiva influencia a nivel estatal, en Euskadi esta foi máis evidente.
O PSE pasa dun 27,22% a máis do 38%. Cómpre salientar o resultado neste concello; en 2004, os socialistas levaron o 26,15% dos votos, este domingo, o 40,39%; hai catro anos, a abstención foi do 26,66%; este ano, do 40,49%. Esta opción, que defendía a esquerda abertzale, foi maior ca en 2004 en todo o país: subiu nove puntos, do 24,78% ao 33,35%.
No caso do PP as cousas non mudan demasiado para os conservadores. Malia perder un escano, mantén case que a mesma porcentaxe de votos ca en 2004, arredor do 18,5%.
En Nafarroa, o panorama tras estas eleccións fica exactamente igual ao xurdido tras os comicios de 2004. NaBai -unha das poucas forzas nacionalistas xunto co BNG e CiU que sobe en votos nestas eleccións- mantén o seu deputado, e PSN e UPN cadanseus dous.
(22.52 horas) NaBai conserva o seu deputado, o PNV perde un e o PSE gaña outro
Os nacionalistas vascos pasarían a ser a segunda forza máis votada, por detrás dos socialistas. PSN e UPN empatan, con 2 escanos cada un.
(21.45 horas) PSE, 8; PNV, 6; e en Nafarroa continúa o empate
Nafarroa: UPN-PP (59,73%) 2 escanos; PSN (34,95%) 2 escanos.
Euskadi: PSE (38,01%) 8 escanos; EAJ-PNV (26,28%) 6 escanos.
(21.20 horas) O PSE gaña en Euskadi, o PNV perde un escano e NaBai conservaría o seu
En Euskadi confírmase a baixada do PNV, que perdería un dos seus sete escanos. O PSE consegue mellorar moito os seus resultados con respecto a 2004.
En Nafarroa, tal e como apuntaran as enquisas, existe un empate técnico entre UPN e PSN. NaBai polo momento mantén o seu escaño.
(20.55 horas) O PSE gañaría en Euskadi e UPN e NaBai empatarían en Nafarroa
Segundo a enquisa da FORTA, difundida por EiTBN, o Partido Socialista de Euskadi sería o partido máis votado en Euskadi con entre 7 e 8 escanos e o 34,9% dos votos, sete puntos máis ca en 2004.
En segundo lugar situaríase o PNV (que en 2004 foi primeira) a pouco máis de tres puntos (31,1%), o que lle permitiría acadar entre 6 e 7 escanos. Seguiríalle o PP, con 3-4 escanos e un 18,8% dos votos. Por último, o escano de EA estaría no aire, cun 5,2% dos votos.
En Nafarroa, UPN e PSN empatarían a escanos, con 2 cada un, aínda que o partido filial do PP na rexión obtería máis votos, concretamente o 39,9% por 36,5% dos socialistas. O escano de NaBai tamén estaría no aire: a enquisa dálle 0-1 escanos e un 16% dos votos, dous puntos menos ca en 2004.