Os populares galegos destacan os resultados obtidos polo seu partido en Galiza, no que conseguiron o 44 por cento dos votos.
Co amargo sabor de boca que supón non ter gañado as eleccións xerais, o líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijoo, amosouse optimista ao afirmar que os datos en Galiza reflicten unha victoria do Partido Popular. "O PP volveu gañar as xerais en todas as provincias galegas, e por primeira vez faino dende a oposición". Núñez Feijoo destacou tamén que nesta segunda comparecencia como presidente do PP de Galiza os datos son mellores que na primeira. Nas eleccions municipais do pasado ano os populares acadaron o 39 por cento dos votos, mentres que nestes comicios a porcentaxe de voto foi do 44 por cento, o que supón un incremento de 5 puntos.
A pesar das palabras do presidente do PPdeG, o ambiente entre os afiliados e simpatizantes non era todo o festivo que esperaban ao principio da xornada. O dirixente dos populares galegos non se esqueceu de felicitar ao Partido Socialista, que "aumentou unha media de un punto ou un punto e medio e entre tres e catro deputados", debida ó descenso dos partidos nacionalistas, mais tampouco esqueceu decir que o PP incrementou os seus deputados en 6 ou 7, e aproximadamente en dous puntos e medio, a pesar do cal non puido superar aos socialistas.
Por último, Núñez Feijoo prometeu seguir traballando "polo vieiro do centro" para acadar que na súa terceira comparecencia os resultados sigan "in crescendo" e acadar a maioría suficiente para gobernar.
A xornada, hora a hora:
20h00: Alberto Núñez Feijoo achégase á sede do PPdeG en San Lázaro. Non fai declaracións ante os resultados das enquisas que dan como vencedor das xerais aos socialistas, e espera a que saian os resultados oficiais.
20h 34: A pesar de que as primeiras enquisas xerais dan por gañador ao PSOE, os populares non dan por perdida a batalla en Galiza. Dende a sede do partido en San Lázaro, o seu secretario xeral, Alfonso Rueda, afirmou que a falta de resultados oficiais "as expectativas son de enorme optimismo", xa que "conforme foi avanzando a xornada foron mellorando os resultados".
Rueda mostrouse satisfeito e afirmou que polo de agora tan só falta "agardar a que se confirmen os bos resultados en Galiza". Destacou tamén a normalidade coa que se viviu a xornada electoral e o grande exito de participación acadado.
21h 30: Os primeiros datos mostran unha victoria do Partido Socialista. Os militantes do PP móstranse decepcionados mais defenden que o seu partido segue a ser líder en Galiza. Os xornalistas que enchen a cafetería do lado da sede, agardan os números definitivos mentres collen forza cos pinchos preparados para a ocasión.
23h10: Todo parece preparado para a comparecencia, supostamente de Alberto Núñez Feijoo. Os membros do partido non fan aparición, de momento, pero xa non se nota tanto optimismo coma antes.
23h40: Os gráficos agardan na sala de xuntas mentres os xornalistas están preparados na cafetería contigua para escoitar as palabras do presidente do PPdeG tras o 95,5 por cento do escrutinio.
23h55: Alberto Núñez Feijoo despide aos xornalistas e aos simpatizantes que se achegaron até a sede.