Os líderes das tres principais formacións do país, PPdeG, PSdeG e BNG tratarán de se evadiren tras dúas intensas semanas de campaña electoral.
Os tres líderes políticos das principais forzas do país dedicarán a xornada de reflexión a descansar e a gozar coas súas respectivas familias tras quince días intensos de campaña electoral; así, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, sairá a correr; o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, ten previsto pasear polo campo; e o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, dedicarase ás súas fillas.
Feijoo (PPdeG) En concreto, o presidente o PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, dedicará a mañá da xornada de reflexión a facer exercicio, unha das súas principais afeccións, e, así, sairá a correr polo Parque de Castrelos de Vigo, a cidade na que ten fixada a súa residencia habitual.
Feijóo dedicará o resto do día a estar coa súa familia e amigos segundo informaron fontes populares. Dependendo da situación climatolóxica, sairá a pasear durante a tarde ou ficará na casa para desconectar a través da lectura.
Touriño (PSdeG)
O líder socialista, Emilio Pérez Touriño, centrará o día de reflexión en descansar, aínda que tamén ten previsto aproveitar a mañá para dar un paseo polo campo, facer así un pouco de exercicio e evadirse das dúas semanas de campaña, segundo informaron fontes próximas ao xefe do Executivo.
Touriño tamén espera sacar tempo pola mañá para realizar algunhas compras que ten pendentes e posteriormente xantará con amigos. Xa pola tarde, estará coa súa familia descansando e botará unha ollada á axenda que ten prevista para a semana que vén.
Quintana (BNG)
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, pasará o día de reflexión na súa casa de Allariz, onde aproveitará para descansar e dedicarlle tempo a súa familia. "Teño dous grandes electores que atender", comentou nunha conversa informal cos xornalistas que seguen a súa caravana, en alusión aos seus dous fillos, de perto de dous anos de idade.
Ademais, a xornada serviralle para repousar e non seguir forzando o seu xeonllo, que aínda se resente do golpe sufrido no accidente de tráfico que tivo na primeira fin de semana da campaña. De feito, a pesar da lesión, só suspendeu un acto electoral e mantivo unha cargada axenda, que provocou que a súa dor fose a máis nestes últimos días.