Os populares criticaron que non se aceptase a revogación do acordo de 2005 na Cámara baixa, onde se autorizara a vía do diálogo.
"Todas as organizacións políticas e sociais asinantes expresamos a máis rotunda condena e o rexeitamento máis enérxico a este novo atentado criminal da ETA", recolle o comunicado conxunto asinado na tarde deste venres no Congreso, "Todos asumimos esta nova vítima do terrorismo como propia", segue o texto, "Todos estamos dispostos a responder a esta agresión de forma firme e unitaria, a defender a liberdade e a derrotar a ETA, a través da forza exclusiva do Estado de Dereito".
O comunicado, asinado por PSOE, PP, CiU, ERC, PNV, IU-ICV, BNG, CC, ChA, EA, Na-Bai, NC, CEOE, CEPYME, CCOO, UGT e USO, indica que as organizacións asinantes chaman os cidadáns a "responder a este crime desde a serenidade e desde a firmeza democrática. As eleccións democráticas do próximo domingo converteranse nunha nova vitoria da liberdade. ETA non conseguiu nin conseguirá nunca torcer a libre vontade dos cidadáns".
"As organizacións asinantes apoiamos todas as convocatorias e mobilizacións que acorden as forzas políticas e sociais de Euskadi para expresar a repulsa cidadá diante deste crime. Por iso, apoiamos a concentración convocada por estas forzas políticas e sociais en Mondragón o próximo luns día 10 de marzo, así como as concentracións convocadas nesa data pola Federación Estatatal de Municipios e Provincias".
O PP asina pero critica
O PP asinou o comunicado, malia que en conferencia de prensa posterior, o deputado Ignacio Astarloa, logo de expresar que o PP "comparte o asinado", subliñou que o seu partido tratara "sen éxito" de incluír o compromiso de que "nunca se negociará prezo político ningún aos terroristas" e que se estabelecese o compromiso de que ao comezo da próxima lexislatura "se revogase a autorización do Congreso ao diálogo coa ETA.