O presidente do goberno vasco compareceu diante dos medios na tarde do venres para cualificar de "acto de sobredose de cobardía inmensa" o asasinato do ex concelleiro socialista.
"De novo poñen de loito e rachan en mil pedazos o corazón da sociedade vasca", laiouse o lehendakari Ibarretxe na súa intervención, durante a que expresou "a condena máis absoluta e enérxica" do asasinato de Isaías Carrasco. O presidente de Euskadi trasladoulle o pésame e a solidariedade "á familia, muller e fillos, e tamén á familia socialista". Ibarretxe destacou que Isaías Carrasco era "un home normal, cun traballo sinxelo, un pai e esposo sinxelo", e opinou que isto "fai que o acontecido sexa un acto con sobredose de cobardía inmensa".
"Negamos calquera lectura política que queiran facer deste asasinato a dous días dunhas eleccións", dixo Ibarretxe, logo de definir o acontecido de "bárbaro atentado" o acontecido. "O acontecido é unha salvaxada, estamos fartos, a ETA perdeu o norte definitivamente", subilou. "Agriden o pobo vasco asasinando os nosos fillos e manchando o noso nome", laiouse, "nunca máis usedes o nome do pobo vasco para xustificar os vosos crimes", interpelou á ETA.
Por último, Ibarretxe convocou á sociedade vasca e a todas as formacións políticas a participaren nunha concentración diante das institucións vascas o sábado ás 12h., na que se manterán cinco minutos de silencio.