O Goberno aprobou este xoves un investimento de 675.000 euros a prol das ferramentas e estándares abertos.
O Consello da Xunta deulle adiante este xoves a un convenio de colaboración entre a Consellaría de Innovación e Industria e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), polo que este último recibirá 675.000 euros para a promoción do software libre no país. A acción inclúe o desenvolvemento dun centro de referencia do software libre para colaborar na xestión das iniciativas que se leven a cabo neste senso, dentro dunha acción estratéxica para dinamizar os recursos e servizos da sociedade da información.
A Consellaría impulsará o uso das ferramentas libres de uso máis estendido e as actividades de promoción da tradución de software libre en galego para que se poida manter actualizado un conxunto de escritorio ofimático e multimedia na nosa lingua. Por outra banda, reforzarase o repositorio de software libre e documentación en galego, a Forxa, que forma parte do portal Mancomún.org. O convenio inclúe accións directas de dinamización en contornos empresariais e universitarios para a implantación de software e estándares abertos e accións formativas sobre os seus conceptos.