Un ano máis celebramos esta data para afondar na situación laboral na que se atopa a muller.
Un ano máis o 8 de marzo se converte nun día de reivindicación. Reivindicación social e laboral polo dereito da muller a traballar en igualdade co home e pór en valor a súa capacidade e a súa capacitación no eido do traballo. Trátase dun día de reflexión no que analizar os logros e os obxectivos que aínda quedan por alcanzar.
A pesar de que son moitos os dereitos dos que na actualidade goza a muller, aínda non se pode dicir que estean en plena igualdade cos varóns, sobre todo en moitas zonas do mundo nos que a poboación feminina chega incluso a ser tratada como escrava. Tampouco podemos esquecer a discriminación que en moitos casos sofren as mulleres inmigrantes, dobre discriminación que as sitúa nunha posición moi vulnerábel dentro da sociedade.
Co fin de botar unha ollada á situación actual e reivindicar os dereitos femininos, diversos colectivos organizan actos nos que continúan coa loita pola igualdade real. Baixo o lema "Nin un paso atrás! As mulleres non podemos perder dereitos" a Marcha Mundial das Mulleres reclaman que o sábado 8 de marzo homes e mulleres saian á rúa para manter os dereitos acadados pola muller até a actualidade.
Mulleres no 2007
Como cada ano, os sindicatos analizan a situación da muller no eido laboral co fin de observar os aspectos positivos e negativos do transcurso do ano. Marcado pola Lei para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, en 2007 acadáronse logros como o permiso de paternidade, a equiparación das prestacións de rosco por embarazo e lactancia ás prestacións por maternidade ou a negociación de medidas e plans de igualdade en empresas. Pequenos pasos nun longo camiño por percorrer.
Tamén se avanzou na eliminación do sexismo na publicidade e no incremento da participación política mediante a composición equilibrada das listas electorais, mais tamén houbo aspectos negativos: a violencia de xénero, segue a ser unha das peores lacra, que reclama a berros unha solución e un cambio no conxunto da sociedade.
Actos do Día da Muller Traballadora:
A Marcha Mundial das Mulleres organiza concentracións e a entrega de autoinculpacións nos xulgados das sete cidades galegas para reivindicar o dereito ao aborto:
- Pontevedra: Concentración ás 20:00 na Praza 8 de Marzo.
- Vigo: Manifestación ás 12:00. con saída da Praza 8 de Marzo.
- Ourense: Concentración ás 13:00 diante do Xulgado.
- A Coruña: Concentración ás 12:00 na Praza de Catro Camiños.
- Ferrol: Concentración ás 12:00 diante do Xulgado (R/ Coruña).
- Compostela: Entrega de autoinculpacións no Xulgado ás 13:00 e ás 20:00 concentración na Praza 8 de Marzo
- En Narón, de seis a nove da noite, no Pavillón da Mocidade, celébrase unha feira feminista na que se contará con exposición de libros, arte, artesanía, mostra de colectivos, actuacións musicais ou dun recital poético, entre outras actividades.
Ouras actividades do Día Internacional da Muller Traballadora:
- En Arzúa, entrega de premios do I Concurso de Viñetas Día Internacional da Muller do CIM de Arzúa.
- En Ourense, diante do Obispado a partir das 11:00 mesa informativa do Vota-machos.
- En Bertamiráns, no Centro Social A Fouce (Bertamiráns) ás 17:00 charla-colóquio: Muller e sexualidade.
- Na Coruña, no CSA. Atreu, Mural Feminista todo so serán; a partir das 21:00, creador a cultura_pre_okupa e pola noite festa da muller.