Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANUEL BRAÑAS, ALCALDE DE ARANGA (PPdeG)

"Eu chamei a Collazo porque vin que a zona era boa para o polígono"

Conversamos co rexedor de Aranga, municipio que vive unha das maiores e máis polémicas recualificacións urbanísticas dos últimos tempos.

R.Vilar - 13:50 03/03/2008

Manuel Brañas Abad (Aranga, 1950) é alcalde do municipio dende 2002. Chegou á alcaldía logo do pasamento de Xosé Mosquera Maceiras, un médico da localidade que lle reportou ao PPdeG sucesivas maiorías absolutas e que tivo peso político suficiente no partido para ser deputado provincial. Dende a súa chegada ao poder, Brañas conservou a maioría absoluta herdada e nunca tivo demasiados problemas para gobernar un concello de pouco máis de 2.200 habitantes. Mais todo cambiou a principios deste ano cando se soubo que o seu goberno asinara un convenio co magnate do xogo coruñés Xosé Collazo. O acordo dáballe a posibilidade ao empresario de construír un macropolígono de 2,5 millóns de metros cadrados e tamén 744 vivendas. Para moitos, detrás da operación estaba un dos maiores “pelotazos” urbanísticos que se daba no país nos últimos anos. Brañas accedeu a falar con Vieiros dunha recualificación que puxo en pé de guerra a unha parte dos veciños do municipio, que consideran que todo se xestou de costas aos seus intereses.

Vieiros: Vostede afirma que o polígono industrial é a mellor alternativa para un municipio avellentado e que non para de perder poboación, mais os propietarios dos terreos consideran que non se tiveron en conta os seus intereses e que incluso arrampla con algunha casa habitada...

Manuel Brañas: Algúns dos propietarios que tanto se queixan nunca viñeron onda min saber se lle tiraban a casa ou non. Para min é todo un tema político e hai quen se fía do que lle din sen vir falar comigo nin ver o plan urbanístico.

Pero, realmente hai demanda empresarial para un polígono de 2,5 millóns de metros cadrados?
Temos a mellor zona da provincia da Coruña. Cando a un empresario lle interesa o proxecto non é porque sexa tonto. Estamos a 30 minutos da Coruña e a menos aínda de Lugo.

A xente di que se sinte estafada que vendeu terreos pensando que eran para un couto de caza, para un campo de golf e finalmente sábese que é para un polígono. O prezo dos terreos vendidos poderían ter variado se os propietarios soubesen o uso final...


Había anos que se estaban comprando terreos. A primeira finca que se mercou foi a de Reinoso [O empresario Xosé Collazo adquiriu no seu día unha finca privada de caza ao entón presidente de Unión Fenosa, Victoriano Reinoso, que falecería en maio de 2002]. Eu tampouco sabía daquela que ía facerse alí o polígono.

Pero, entón como xorde a idea dunha área industrial?

No 2006 eu chamei a Xosé Collazo porque vin que a zona era boa para o polígono que tanto precisabamos e que se podía aproveitar para o ben de todos. O municipio estaba avellentado e se non tomabamos medidas isto desaparecía.

Ademais da polémica polo polígono, hai quen pensa que é un disparate prever a construción de 1.260 vivendas nun municipio de pouco máis de 2.000 habitantes...
[Ao outro lado da liña telefónica escóitanse uns monosílabos que expresan dúbida]Eu aínda non sei ben as vivendas que se contemplan...

Os veciños están dispostos a parar as protestas sempre e cando vostede torza o brazo e se comprometa a que o polígono vai respectar as casas habitadas e que se descarte a construción das 1.260 vivendas...

Nós imos ter en conta o que digan os veciños. A miña intención foi sempre beneficiar o pobo e a toda a comarca. Eu estou esperando a falar cos da oposición. O día 11 termina o prazo de alegacións ao PXOM e habémolas estudar todas.

Vídeos do conflito:




5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: