Jorquera destaca que segundo as enquisas o BNG "é a forza que máis vai crecer" de todas as que concorren.
"Xa temos conseguido o primeiro obxectivo que tiñamos, que o PP non vai gobernar, Rajoy non vai ser presidente", afirmou o voceiro nacional do BNG durante a súa intervención este domingo nun acto electoral na vila de Tomiño, "non teñen nada que facer", agoiroulle ao PP. Na perspectiva de que unha vez máis o PSOE teña que conseguir apoios para gobernar, Quintana avisou de que "o BNG non está disposto a que Galiza lles saia barata". "O señor Zapatero sabe que pode contar con nós, só hai unha condición: Galiza", precisou, "con nós, se Galiza está presente todo é posíbel, senón, nada".
O líder do Bloque engadiu a continuación que o nacionalismo da súa formación política "é o do pobo, non o das élites", subliñando a condición do BNG de forza "dialogante" que ofrece un nacionalismo ao servizo "da xente humilde, que traballa todos os días por sacar a súa familia adiante". "Nunca fomos un proxecto para as élites, somos interclasistas, comentou Quintana. De seguido, lembrou a herdanza do Partido Galeguista, indicando que o BNG actual "bebe directamente" dalí e afirmando que "só cando o nacionalismo galego foi decisivo en Madrid, Galiza estivo enriba da mesa".
Ao fío da mesma reflexión e xa pola tarde e noutro acto electoral en Ribeira, Anxo Quintana proclamou que o BNG é a formación "destinataria dos votos do galeguismo de verdade", polo que reclamou o apoio dos que "teñen ese sentimento de amor á súa terra". Quintana alertou de que "o voto ao Bloque é o que conta" e dixo que "non vale con ser galegos de sentimento", polo que volveu solicitarlle ao conxunto da cidadanía, "nacionalistas ou non", que acuda á urnas a "transformar ese sentir maioritario en forza electoral". Na súa opinión, "defender" a Galiza "si que se fai co corazón e coa cabeza, non coas chorradas que din outros", en alusión ao lema do PP durante esta campaña. Nesta liña, chamou a seguir o exemplo dos galeguistas históricos que, segundo argumentou, optaron por impulsar unha organización política propia que representase os intereses do país.