Segundo a asociación ecoloxista, será máis efectivo ca impoñer unha taxa ambiental, prevista a partir do mes de marzo.
A asociación ecoloxista portuguesa Quercus entregoulle ao Ministério da Economia e Inovação que se prohiban en 2011 as lámpadas incandescentes, que consideran pouco eficientes fronte ás que aforran enerxía. Segundo Francisco Ferreira, vicepresidente de Quercus, "a pesar de que unha lámpada fluorescente compacta ten un custo superior ao das incandescentes, a longo prazo é un investimento que compensa, porque existe unha redución no consumo de electricidade de cerca de 80 por cento e porque ten un tempo de vida dez veces superior".Calcúlase que en Portugal se venden uns 30 millóns de lámpadas. Quercus lembra que xa se marcou a fin das lámpadas incandescentes en países como Irlanda, Reino Unido, Italia e Australia, e que aforrará "1.400 megawatios por ano, ou sexa, o tres por cento do consumo de electricidade, e máis de 680 mil toneladas de redución nas emisións de dióxido de carbono por ano".A asociación asegura que a súa proposta é "unha alternativa máis eficiente ca a taxa ambiental" que se vai aplicar nas lámpadas incandescentes a partir do 1 de marzo, de 41 céntimos por unidade. Con todo, Quercus alerta que as lámpadas economizadoras non se deben botar ao lixo, por conteren mercurio, e se rompen débese abrir a xanela uns 15 minutos, recoller os residuos con luvas de látex e toallas de papel e colocalos nunha bolsa, lavando as mans ao rematar o proceso.Para Francisco Ferreira, trocar as lámpadas incandescentes por fluorescentes aforrará máis electricidade que participar en convocatorias de apagóns de cinco minutos.