O PPdeG asegura que a institución provincial subvencionou varias obras en cinco concellos lugueses.
Pazo da Deputación
O voceiro adxunto do PPdeG na Deputación de Lugo, José María González Barcia, denunciou esta cuarta feira que o goberno provincial destinou, nos últimos meses, máis de 55 mil euros para o arranxo de camiños e fincas privadas de simpatizantes dos socialistas, en cinco municipios lugueses.
Os cinco concellos sinalados polo PPdeG son gobernados polo PSdeG. Segundo concretou González Barcia, os municipios aos que se refire son Becerreá (cun investimento 2.100 euros); Láncara, (cun investimento de 13.000 euros); Chantada, (6.000 euros); Cervantes, (8.300); e Sarria, (25 mil euros). A meirande parte dos cartos destináronse ao pago de asfalto e "unha pequena parte", segundo verbas de González Barcia, gastouse en material de canteira.
O PPdeG xa tiña denunciado o mesmo en Foz, Viveiro e Pol
O voceiro popular lembrou que o seu partido xa tiña denunciado este emprego "irracional, clientelar e caciquil" dos fondos provinciais noutros concellos gobernados polo PSdeG coma Pol, Viveiro e Foz.
Barcia tamén se queixou da falta de planificación nas obras públicas da Deputación e lamentou que "o único criterio" que se segue para arranxar as vías públicas é o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez.