Os líderes das tres grandes formacións non saíron do guión previsto, aínda que o nacionalista conseguiu un punto de xiro atribuíndolle a Nunca Máis o cambio da actitude do Estado cara a Galiza.
O primeiro cara a cara televisivo entre Touriño, Quintana e Feijoo marcou dúas posturas case antagónicas. O socialista e o nacionalista conseguiron trasladar unha mensaxe máis compacta, dentro das evidentes diferenzas programáticas, fronte a Núñez Feijoo. Porén, fronte ao xogo a dous que intentaron dende os primeiros momentos Touriño e Feijoo, Quintana logrou introducir matices en clave galega cos que intentou visibilizar "a importancia de contar con forzas propias no Parlamento español".
22.54 horas (finaliza o debate)
Quintana: "Castelao dicía que o auténtico heroísmo é aquel que consiste en convertir as ideas en feitos. A maioría dos galegos quere unha Galiza con máis peso en Madrid, que teña capacidade de decisión. Pido que utilicemos as eleccións do 9 de marzo para cambiar esa idea nun feito. Votemos como galegos. Consigamos que o BNG teña forza decisoria en Madrid. Vai supoñer forza para Galiza, máis respecto e máis benestar para os galegos e para as galegas. Será tamén bo para a democracia e para o progreso"
Touriño: O líder dos socialistas di que Galiza se sinte cómoda "na España plural de Rodríguez Zapatero. Galiza deixou de ser un lastre para estar á fronte do desenvolvemento en España. Agardo que o 9-M sigamos cun goberno de progreso".
Feijoo: (pecha o debate) "Hai un cambio de rumbo, de escenario económico, tanto en España como internacional. Iso significa que temos que facer cambios de goberno, de política, de formas de facer política e ter en conta que Galiza foi esquecida nos últimos 4 anos e ten a posibilidade de ter un galego como presidente de España. Esotu convencido de que esta oprtunidade a imos aproveitar. Temos un partido maioritario, que é o PP. Galiza preséntase cun programa, que é o do PP. Non coñezo o programa do PSOE. Temos que compensar o tamaño mediano de Galiza coa valentía de todos os galegos".
22.51 horas
Derradeira intervención dos tres líderes. Comeza Quintana co seu minuto pactado para pechar o debate.
22.50 horas
Touriño: Sinala que esta é a lexislatura da igualdade de mulleres e homes e das políticas sociais.
Núñez Feijoo: "A mellor lei de igualdade é a que non trata a muller como un número. O PP ten máis mulleres ca homes nas listas". "Queremos facer un Ministerio do Benestar Social".
Quintana: Lembra que Zapatero o chamou para pedirlle apoio a Magdalena Álvarez e que a cambio os nacionalistas pediron que se pagase a débeda histórica en materia social.
22.46 horas
Touriño: "Señor Feijoo, vostedes votaron contra de todas as leis de avance de liberdades e de impulso social". "É unha mágoa que o rigor non se venda nas mercerías, senón traíalle un regaliño". "A Lei de Dependencia é un avance histórico".
Feijoo: bótalle en cara a Touriño que non votara a favor de políticas de dependencia cando o PPdeG gobernaba a Xunta (Touriño acúsao de mentir).
Anxo Quintana: (a Núñez Feijoo) "Deixáronnos unha situación en que Galiza quedou á cola na atención aos nosos maiores". "É necesario crear unha rede de educación infantil como estamos a facer coas Galescolas". "Temos que aprobar en Madrid unha lei de prazos para o aborto". "Esixiremos o 10% dos soldos da dependencia".
22.41 horas (bloque de liberdades públicas e políticas sociais)
Touriño: Comeza falando das pensións de 160 mil galegos. Fai rexouba da paráfrase da nena de Rajoy no debate do luns para dicir que en Galiza tería libros gratuítos e acompañante escolar
Núñez Feijoo: "Señor Touriño, Rajoy non ten nenas, ten nenos". "En Educación, España está nun dos peores niveis da OCDE. En Galiza creouse un problema coa lingua". "Hai que subir as pensións, porque as galegas son as máis baixas do Estado".
Quintana: (sobre a Lei de Dependencia) "As persoas ademais de ter dereitos ten que exercelos, por iso estamos facendo o Sistema Galego de Benestar, ese é o gran traballo que hai que facer. Para iso tamén temos que estar en Madrid. Precisamos do 10% dos fondos porque temos o 7,5% dos dependentes e porque temos unha dispersión xeográfica."
22.35 horas
Núñez Feijoo: (a Touriño) "Vostede ten que decidir se quere pactar coa forza maioritaria ou coa minoritaria". "Eu non quero copiar o estatuto de Cataluña".
Touriño: "Galiza sen reformar o seu Estatuto está avanzando en transferencias e eso é importante".
Quintana: "Aos galegos interésalles ter a competencia en Tráfico e en Salvamento Marítimo porque están convencidos de que dende aquí podemos xestionalas mellor". (a Núñez Feijoo) "Vostede non se compromete a non vetar a transferencia en Madrid". "Só escoita a ese predicador radiofónico que hai en Madrid".
22.32 horas
Feijoo: "O señor Quintana quere un Estatuto de Nación, e vostede (Touriño) e eu quedaramos en que Galiza non era unha nación e ese é o problema". Sinala que os galegos síntense "tan españois coma galegos" e por iso di que é imposíbel que haxa un Estatuto de Nación. Asegura que se houbera un referéndum para decir que Galiza é unha nación e España, non, habería votantes "que nin votarían".
Touriño: (a Núñez Feijoo) "Vostede sabe tan ben coma min que os dous partidos que substentamos o Goberno puxemos enriba da mesa un texto común. O responsábel de non reformar o Estatuto foi Rajoy, porque llo impediron dende Madrid. Falloulle unha vez máis a Galiza". "Este país necesita un Estatuto de primeira e de consenso".
Quintana: Pide que Feijoo aclare se Galiza vai ter un Estatuto coma o catalán. Propón que, sen Estatuto, se reclamen as competencias en Salvamento Marítimo e Tráfico: "Imos votar en Madrid o memso que votar en Galiza? O seudo galeguismo, señor Feijoo, xa non coa".
22.25 horas (bloque de autogoberno)
Feijoo: "O PPdeG é un partido galeguista. Conseguimos a maior cota de autogoberno do país". "Agora hai un parón no autogoberno". "Aínda esperamos un paquete de transferencias do señor Quintana por votar contra a reprobación de Magdalena Álvarez".
Touriño: "Señor Feijoo, as autonomías non son un inimigo. A pluralidade é o mellor elemento de cohesión social. Vostedes propugnan unha España monocorde e nós unha plural". "Se se pode falar en galego na UE é grazas a esa España que defende o PSOE".
Quintana: "Galiza precisa un estatuto de Nación para ocupar o lugar que lle corresponde dentro do Estado Español ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña". "Se non o temos foi porque o señor Feijoo non quixo". "O PP quere levar competencias das CCAA para Madrid".
22.19 horas
Reiniciase o debate. Toma a palabra Núñez Feijoo.
22.12 horas
Faise unha pausa para que os líderes das tres formacións poidan conversar cos seus asesores.
22.11 horas
Feijoo: Saca a relucir a cuestión do TAV. "Señor Touriño dixo que iamos ter a alta velocidade en 2007 e a ver se o temos en 2011"
Quintana: "O BNG non estará satisfeito até que Galiza nivele o seu déficit infraestrutural co Estado, e iso faise con feitos, coa capacidade de decisión da Nación". Sinala que o investimento público comezou a aumentar a raíz das mobilizacións do Prestige (saca unha foto da manifestación de Nunca Máis en Madrid).
Touriño: Afirma que o TAV aínda non está feito porque o PP deixou sen darlle pulo á infraestrutura. O líder socialista di que o goberno estatal ergueu a peaxe de Rande.
22.04 horas (bloque de infraestruturas)
Feijoo: "Tivemos un pacto: aprobamos o Plan Galicia, até que chegou Magdalena Álvarez e se desbaratou todo". "Non hai unha soa travesa do AVE electrificada despois do Plan Galicia". "Fomos os últimos nas autovías e seremos os últimos na alta velocidade".
Quintana: "Señor Feijoo vostedes van de pedichóns cando non gobernan en Madrid. Hai que ser coherentes e dicir o mesmo en Madrid e aquí". O líder do BNG afirma que se se mantén o esforzo inversor Galiza pode salvar o déficit histórico de infraestruturas.
Touriño: "Nos 16 anos que gobernaron Galiza tiveron tempo de tocar o imposto de sucesións". "Galiza está a vivir o mellor momento de creación de infraestruturas da súa historia". (Amosa unha gráfica do crecemento do investimento estatal no noso país). "No ano 2012 todas as cidades estarán unidas polo TAV".
21.58 horas
Quintana: Sinala que a Consellaría de Vivenda está a promover 40 mil vivendas e di que o preciso é que dende Madrid non se interfira nos plans propios de Galiza.
Feijoo: "Nós os tres non necesitamos 400 euros. As nosas propostas son subir as pensións 150 euros ao mes".
Touriño: Fala da necesidade de licitar obra pública e activar o fondo de complemento de pensións de CC.AA tal e como prevé a lei (sucesión de imposto de transmisión e de patrimonio).
21.52 horas (bloque de economía)
Anxo Quintana: "Galiza ten moitas posibilidades de facerlle fronte con éxito a este novo momento económico". "Imos reclamar que se poidan construír buques civís en Navantia?" "Temos que facelo en Madrid".
Feijoo: "Aquí hai unha triple crise de prezos de alimentos, de carburantes e de confianza no Goberno". "Os mozos galegos e as familias teñen moita dificultade para pagar a vivenda".
Touriño: "O tema do debate é se Galiza está máis equilibrada para respostar a esta situación económica". "Señor Feijoo, explíquenos porque España vai ben se traballan 17 millóns de persoas e porque vai mal se traballan 20 millóns". "Preocúpame a súa proposta de rebaixa fiscal".
21.46 horas
Primeiros dous minutos para cada representante (por orde de intervención):
Quintana recoñece que hai motivos para temer un cambio de ciclo económico pero non para facer catastrofismo. Como antídoto fala da necesidade de mimar os sectores produtivos do país, tal como o sector naval, o sector primario e o I+D+i. "É preciso pensar na xente máis humilde, na que pode sufrir máis unha situación adversa". Cre que é preciso ter unha presenza forte en Madrid para afrontar os vindeiros catro anos.
Núñez Feijoo fala do aumento do paro e da suba dos prezos, que lles fan chegar con máis dificultades a fin de mes ás familias. Asegura que Galiza ten unha inflación superior ao Estado. En xeral, presenta unha mala situación da economía. Di que hai que cambiar o equipo económico dun goberno que non tomou en serio a economía.
Touriño subliña que Galiza está a progresar economicamente. Lembra que o país medrou máis ca o Estado. "Se seguimos a este ritmo acadaremos a renda media europea en sete anos".
21.39 horas
Emilio Pérez Touriño abre o debate lembrando as mulleres finadas vítimas da violencia doméstica na última xornada e solicita a sociedade que contribúa a pórlle fin.
Quintana súmase ás condolencias e salienta a satisfacción por estar presente no primeiro debate entre líderes galegos.
Feijoo, ademais, acórdase do garda civil morto esta semana nunha operación de rescate no mar.
21.32 horas
Comeza o debate. Feijoo, Quintana e Touriño -xunto co moderador, o xornalista Afonso Hermida-, ocupan os seus postos. Detrás das cámaras, Afonso Rueda e Xerardo Conde Roa (PPdeG); Teresa Táboas, Alfredo Suárez Canal, Alberte Ansede, María Xosé Bravo e Xoán Antón Pérez Lema (BNG); e Ismael Rego, Ricardo Varela e Xosé Manuel Lage (PSdeG) acompañan os seus líderes.
21.11 horas
Os tres líderes xa están no antigo mosteiro de San Francisco de Compostela. O primeiro en chegar foi o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, á hora prevista. Posteriormente, ás 20.54 horas, apareceu o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e tres minutos máis tarde, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana.
O tráfico da capital provocou que se alterase a orde de chegada prevista: primeiro Feijoo, despois Quintana e, por último, Touriño. Por razóns de seguridade, máis de trinta axentes uniformados vixían as inmediacións do mosteiro e as rúas permanecen cortadas. Os traballadores de Serrabal tentaron achegarse aos tres líderes sen conseguilo.
14.40 horas
Até 24 horas antes mantívose a dúbida de se habería debate. Finalmente, este mércores, a partir das 21.30 horas a TVG oferecerá en directo o primeiro cara a cara entre Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijoo. Os líderes das principais organizacións políticas galegas analizarán o papel de Galiza no Estado co gallo das eleccións xerais do vindeiro 9 de marzo.
En Vieiros estaremos moi pendentes de todo o que suceda. Con nós poderás seguir o debate minuto a minuto, as reaccións dos partidos ao mesmo e unha análise do que aconteza. Agardamos o máis importante: a vosa participación.