Os sindicatos de xornalistas denuncian que durante as eleccións os partidos políticos queren impoñer os seus criterios nas retransmisións impedindo o dereito á información da cidadanía.
A Federación de Sindicatos de Xornalistas denuncia que os partidos políticos están a limitar o libre exercicio profesional do xornalismo na cobertura informativa das campañas, co que están a conseguir que isto imposibilite o dereito á información da cidadanía. Esta afirmación xorde como consecuencia do "triste episodio de negociación" entre PSOE e PP para preparar os debates en televisión entre os seus máximos líderes.
Dende a Federación afirman que a fixación arbitraria dos bloques electorais nos medios de titularidade pública pola Xunta Electoral Central (XEC), "é un insulto e un menosprezo á capacidade e honestidade dos profesionais da información deses medios" e xa foi denunciado por varios colectivos profesionais.
Outra das causas da denuncia é o feito de que os líderes políticos e os seus asesores esixen aos medios entrevistas e debates pactados, situando aos xornalistas na posición de espectadores deses "mitins pactados". Os asesores tamén poñen trabas, segundo indican os sindicatos, para o traballi libre das cámaras, limitándose a ofrecer ás televisións o sinal institucional dos mitins. Coa retransmisión dese sinal "supón traizoar a mesma liberdade de prensa, polo aforro económico que isto lles representa".