Nove meses despois dos comicios locais, o alcalde socialista Xosé Antón Ucha perde o bastón de mando.
O voto de sete concelleiros do PPdeG e de dous tránsfugas de Independentes por Santa Comba tumbou o feble goberno do socialista Xosé Antón Ucha. Nun pleno moi tenso, ao que acudiron centos de veciños do municipio que apoiaban ao executivo, os promotores da moción xustificaron a iniciativa polo “desgoberno” da política local.
A corporación local estaba composta por 8 concelleiros do PPdeG, 4 de Independentes por Santa Comba, 3 de Terra de Xallas e dous do PSdeG. En xuño do ano pasado Ucha conseguiu a alcaldía logo de que os populares non conseguiran o apoio de ningunha formación. Agora os dous tránsfugas independentes posibilitaron o relevo de alcalde e os conservadores están dispostos a facilitarlle a alcaldía a un deles: Miguel Pérez Fernández.