Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Sada fai memoria

Lembrando os irmáns Suárez Picallo

Este ano 2008 vai ser o de Ramón e Xoán Antón. A comisión 'Irmáns Suárez Picallo' prepara unha chea de actos e actividades de homenaxe.

Redacción - 19:10 21/02/2008
Ramón Suárez Picallo

Ramón Suárez Picallo

A comisión 'Irmáns Suárez Picallo' de Sada está a arranxar todo xa para facer deste ano o de Ramón e Xoán Antón Suárez Picallo, o primeiro deputado en Cortes en dúas lexislaturas durante a Segunda República, e o segundo destacado sindicalista e agrarista, asasinado en 1936.

Os actos comezarán a segunda quincena do mes de maio, cunha exposición na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, que se ha manter deica finais de mes, e que volverá, outra vez, a primeiros de outubro. Entrementres estará itinerante, exposta, entre outros lugares, na Coruña.

Ademais, estanse organizando xa as I e II Xornadas Irmáns Suárez Picallo, que se han desenvolver entre o 29 e o 31 de maio (as primeiras) e do 9 ao 11 de outubro (as segundas). Nestas han participar intelectuais e destacadas persoas da cultura de Galiza, que ademais constitúen a memoria viva de Ramón Suárez Picallo, coma Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas ou Avelino Pousa Antelo. Tamén asistirán estudosos das dúas figuras sadenses e das súas facetas políticas e sindicais, coma os historiadores Justo Beramendi, Emilio Grandío ou Núñez Seixas; alén de especialistas na figura de Ramón, como Lois Pérez Leira, entre outros.

Tamén se vai dar a coñecer a traxectoria, tanto biográfica como sindical, de Xoán Antón Suárez Picallo, inédita até o momento, grazas ao traballo de investigación de Manuel Pérez e Lorenzo.

En outubro Ramón volverá a Sada
O día 29 de maio, dentro das I Xornadas Irmáns Suárez Picallo, presentarase o libro La Feria del Mundo, unha escolma dos artigos que Ramón Suárez Picallo escribiu nos 10 anos da sua estadía en Chile e que foron recompilados polo escritor chileno Edmundo Moure, e agora son editados polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Sada. Tamén se proxectará, dentro das xornadas, un DVD feito no outono pasado en Bos Aires, cos testemuños das persoas que compartiron os últimos anos de vida de Ramón.

E está previsto que en outubro, á volta do 18, data do cabodano de Ramón Suárez Picallo, se faga o traslado dos seus restos mortais dende o cemiterio da Chacarita en Bos Aires, até o Fiunchedo en Sada, tal como foi o seu desexo.


Ligazóns

4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: