A Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina creouno este 6 de xullo, para impulsar, coordinar e vincular investigacións relacionadas coa emigración.
Intégrao un grupo de investigadores de varias disciplinas (historia, socioloxía, comunicación, literatura, economía e biblioteconomía), e a partir das súas propostas de tarefas, servirá para promover e canalizar estes traballos. "Non tentará dirixir, censurar ou limitar a tarefa científica dos seus asociados ou dos investigadores, senón que só actuará como un nexo coordinante que permita potenciar a información, a accesibilidade e as posibilidades reais de traballo", afirma a Federación en nota de prensa.
Xorde no seo da Federación, irmandado co Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA), que supervisará as súas tarefas de arquivo desde a área de conservación, e a acabada de nacer Biblioteca Galega de Bos Aires, á que terán acceso os seus membros en calidade de investigadores titulares. Prevé editar un boletín en que os participantes poidan publicar os seus informes, resumos, relatorios ou traballos de maior envergadura.
O nome escolleito para este centro foi o de Ramón Suárez Picallo, emigrante e destacado membro da institución, home de esquerda, exiliado e loitador. Non foi un intelectual de formación universitaria, senón que medrou na loita do seu tempo, cando os obreiros roubaban horas ao sono para se ilustrar.
O equipo
Coordínao o escritor Hernán Díaz, e sumáronse á iniciativa María Rosa Lojo, Nadia De Cristóforis, Débora Campos, Andrea Cobas, Marina Guidotti, Laura Fasano, Patricio Cóccaro, Analía Álvarez, Cristina Diéguez, Mariana Beheran, Jesús Castreje, Jerónimo Boragina, Lucas González, Gustavo Dorado, Ernesto Sommaro e Fabián Mazzitellio. Xa se pode contactar co centro a través do enderezo centrosuarezpicallo@gmail.com.