Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oferta Pública de Emprego

A Consellaría de Educación convocará máis de 2.000 prazas para este ano

Ao corpo de mestres 928 prazas; ao de secundaria, 932; ao de docentes técnicos de FP, 84; a Escolas Oficiais de Idiomas, 29; e a Músicas e Artes Escénicas, 35.

Redacción - 17:49 20/02/2008
Por vez primeira haberá 396 prazas na especialidade de Primaria

Por vez primeira haberá 396 prazas na especialidade de Primaria

A Consellería de Educación vai convocar un total de 2.008 prazas de 57 especialidades na Oferta Pública de Emprego (OPE) de 2008, segundo informou esta cuarta feira a conselleira, Laura Sánchez Piñón, tras a reunión da mesa sectorial cos sindicatos.

Destas, 928 prazas corresponden ao corpo de mestres, 932 ao de profesores de secundaria, 84 ao de docentes técnicos de Formación Profesional, 29 a Escolas Oficiais de Idiomas e 35 a Músicas e Artes Escénicas.

Como unha das principais novidades na OPE de 2008, Sánchez Piñón apuntou a convocatoria de 396 prazas na especialidade de Educación Primaria dentro do corpo de mestres, ás que se suman 64 de Audición e Linguaxe, 99 de Pedagoxía Terapéutica, 41 de Música, 39 de Educación Física, 184 de Educación Infantil e 105 de Inglés (mais ningunha de Francés).

No corpo de profesores de Secundaria, o maior número de prazas convócase en Lingua Castelá e Literatura e Xeografía e Historia, con 90 postos; seguidos de Matemáticas, con 85; Inglés, 78; Francés, 76; e 71 para Lingua Galega e Literatura.
Para profesores técnicos de FP, o maior número de prazas corresponde, cun total de 11, á especialidade de Sistemas e Aplicacións Informáticas; seguida de Instalacións Electrotécnicas e Mantemento de Vehículos, con 10 postos en cada caso.

As 29 prazas para as Escolas Oficiais de Idiomas distribúense en 17 para inglés, 7 para Italiano e 5 para Portugués. Pola súa parte, das 35 para Música e Artes Escénicas, o maior número corresponde á especialidade de Piano, con sete prazas; seguida de Percusión e Linguaxe Musical, con seis en cada caso.

Valoración da conselleira
A titular de Educación valorou moi positivamente a OPE e salientou que é a segunda "máis importante" en cifras despois da de 2007 (3.125 prazas). Neste senso, subliñou que, coas 686 ofrecidas en 2006, en tres anos a Administración educativa convocou 5.819 postos.

Preguntada pola orde de convocatoria, a conselleira puntualizou que será discutida cos sindicatos en mesa sectorial (o vindeiro luns), tendo en conta o Real Decreto do Estado que marca as condicións de acceso e ingreso.

"Sen información previa", critica a CIG

Ao respecto da mesa sectorial, a CIG-Ensino criticou que na que tivo lugar esta mesma cuarta feira, "a Consellaría de Educación non nos achegou con antelación a proposta de OPE", polo que se lle impediu "facer unha valoración demorada e propostas con coñecemento suficiente".

Ademais, recoñecen que para a vindeira mesa "non se percibe unha vontade de abordar cuestións centrais senón só de matiz e secundarias". No entanto, valoran positivamente o número de prazas ofertadas "aínda que lembramos que o sistema educativo galego precisa dun esforzo maior", e salientan que por vez primeira se convoquen oposicións á especialidade de Primaria.


Documentos

2,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: