De confirmarse, o magnate do xogo non tería o 51% dos terreos precisos para forzar a controvertida recualificación urbanística.
O convenio ao que chegou o Concello de Aranga co empresario Xosé Collazo para recualificar tres millóns de metros cadrados comeza a facer auga. Os veciños afectados polo PXOM cren que é imposíbel que o promotor teña o 51% dos terreos, tal e como afirma, xa que algunhas das parcelas que mercou son monte comunal. Segundo a lexislación, un monte comunal é indivisíbel e non se pode parcelar nin vender.
O xornal La Opinión de A Coruña publica este mércores unha extensa información de elaboración propia na que se sinala que o propio consistorio declarou comunal o monte Santiso en 1941. De confirmarse este extremo, Collazo Mato non podería levar adiante o polígono industrial e as 744 vivendas que pretende construír.
Mentres tanto, os veciños afectados proseguen elaborando as súas alegacións ao PXOM coa colaboración do Sindicato Labrego Galego. A plataforma de afectados tampouco descartou presentar unha denuncia contra o goberno local por ter chegado a un acordo co empresario coruñés de costas a todos os afectados. Para o vindeiro sábado xa se preparan máis mobilizacións contra o plan urbanístico.