Venderon os terreos pensando que ían, entre outras posibilidades, "para un couto de caza" e sen saberen que se ía construír un macropolígono de vivendas.
Ademais de defender a "legalidade" do proceso de aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Aranga, o alcalde deste municipio, Manuel Brañas Abad (PPdeG), comunicou de que o concello puxo en marcha unha oficina de información onde os veciños poidan informarse polo miúdo sobre o planeamento urbanístico. Brañas Abad convida "a quen se poida sentir afectado" a presentar alegacións, subliñando que os técnicos vanas estudar e que se incorporarán "as que proceda".
O rexedor di que a oposición sabía do plan e que calou até a precampaña
Nun comunicado enviado aos medios este sábado, Manuel Brañas Abad atribúe as críticas da oposición de PSdeG e BNG ao próximo comezo da campaña electoral. Ao fío, insiste en que socialistas e nacionalistas "non rexeitaron o documento de aprobación inicial na sesión plenaria de decembro, senón que o seu voto foi a abstención".
O alcalde confía en que o proxecto non terá atrancos na Xunta e opina que contribuirá a virar o "estancamento de poboación que sofre o concello nas últimas décadas", dándolle "un novo pulo ao municipio.
Terreos adquiridos mentres non se coñecía o proxecto real
Segundo fontes consultadas por Vieiros, a veciñanza asistiu entre a sorpresa e o desconcerto ao proceso de adquisición dos terreos, onde participaron diversos intermediarios locais. En ningún momento chegaron a saber os donos iniciais que eses espazos ían ser recualificados estabelecendo o municipio a súa condición urbanizábel. Xa que logo, os veciños daban por bos os baixos prezos e as especulacións sobre os posíbeis usos do conxunto de 300 hectáreas ían desde un posíbel couto de caza até un campo de golf.
Ao respecto, desde o grupo local do BNG sosteñen que se trata dun "pelotazo" argallado a través do "engano" aos veciños e explotando a boa fe dos propietarios dos terreos.