Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Campaña contra incendios'08

GPS e vixilancia a tempo real para a defensa dos nosos montes

Medio Rural conta cun avanzado sistema de comunicacións e con dispositivos que permitirán a visualización dos lumes e das brigadas.

Redacción - 18:00 18/02/2008

O Centro de Coordinación contra incendios conta este ano cunhas mellores infraestruturas. Co fin de evitar os posíbeis lumes que poidan provocarse tras seis meses de seca, a Consellaría do Medio Rural renovou as instalacións deste servizo cun novo sistema de comunicacións, complementado cun sistema de posicionamento de vehículos sobre ortofotos e cartografías, que ofrecerá datos actualizados, e cunha pantalla de vídeo para realizar capturas de imaxe de ordenadores e das cámaras situadas nos diferentes montes.

O novo sistema de comunicacións facilitará a toma de decisións do mando único, a través da transmisión de información dixitalizada e en tempo real. Mediante un sistema GPS instalados en motobombas, avións, helicópteros, ou maquinaria de terra, o Centro de Coordinación coñecerá a localización exacta dos 1.200 medios de extinción cos que conta actualmente.

Estes datos poderán visualizarse a través dun sistema de información xeográfica baseado nas fotografías aéreas dispoñíbeis sobre o territorio, un mapa topográfico e a cartografía de referencia. De xeito visual, o mando único poderá enviar aos focos de lume os medios máis próximos, optimizando así os resultados.

Para acadar unha visualización total, foi necesaria a instalación dun vídeo-wall, con seis pantallas, no que tamén se poderán ver as imaxes recollidas polas cámaras coas que Medio Rural conta nos puntos estratéxicos. O sistema de comunicacións, baseado nas chamadas recibidas ao 085 nos centros provinciais, rexistra cada un dos incendios no servidor de datos central. Un dos avances máis destacábeis é que, en caso de saturación ou avaría do centro provincial, os datos chegarán directamente ao centro de coordinación da Dirección Xeral de Montes.

Tamén se incrementan os medios humanos

A partir do martes 19 de febreiro empezarán a traballar os 610 brigadistas fixos discontinuos, cos que o dispositivo contra incendios se verá reforzado até chegar aos 1.400 efectivos, se cadra máis necesarios este ano debido á complicada situación dos montes galegos pola seca vivida nos últimos seis meses.

O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal indicou que ao longo desta semana se celebrarán reunións coa Garda Civil e a Policía para deseñar un operativo que reduza ao máximo a autoría delitiva dos incendios e sinalou que a a partir da primavera se incorporarán novos efectivos até acadar a mesma proporción do ano pasado.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: