Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (3)

O evidente é invisible

Falar de xénero non é falar “de mulleres”, é falar da sociedade e de cambiar os papeis dunha parte e doutra. María Reimóndez escribe desde Etiopía.

María Reimóndez - 09:00 14/02/2008

O evidente é invisible
En todos os nosos proxectos o traballo que se fai para cambiar as estruturas do xénero empeza sensibilizando ás mulleres sobre os seus dereitos, facendo que comprendan que son persoas con dereitos e que non estamos no mundo para tolerar e padecer. Pero ese é só o principio do proceso.

O proxecto que temos en marcha con OPRIFS e Menoria en dúas zonas de Addis Abeba comezou no mes de maio pasado e este mes, despois da formación de 19 grupos, comezan os cursos sobre xénero. As mulleres falan, debaten. Unha delas fala de como elas mesmas educan de forma diferente a nenas e nenos. “Non o neguedes, que vos coñezo”, dilles erguendo un dedo. “Ben sabedes como tratei eu á miña filla, eduqueina e deille xoguetes para que crecese”.

O debate continúa. Nas conclusións chegan a esa determinación que dende sempre temos en Implicadas, iso que rara vez comprenden as instancias de todo tipo que fan cooperación ao desenvolvemento e que é algo claro e evidente para as mulleres: o curso estivo moi ben, por favor dádellelo tamén aos homes. E con estas palabras resúmese unha complexa realidade que neste traballo e en moitos outros non se dixire, que falar de xénero non é falar “de mulleres”, é falar da sociedade e de cambiar os papeis dunha parte e doutra. Iso e moitas outras cousas, pero esta é fundamental. O curso remata co compromiso (xa incluído na proposta para o segundo ano) de continuar nese camiño.

Fogar bipolar
Sempre que estou en Etiopía padezo o estraño fenómeno de asociar o fogar non con Galicia senón coa India. Será que as experiencias son moito máis comparables entre a India e Etiopía ca entre Galicia e Etiopía. Sexa como for, non podo evitalo. As comparacións sucédense na miña cabeza. A fin de semana comeza e o sábado non hai oficina nin traballo. No meu Tiruchy querido hai traballo todos os días do ano. Non podo dicir que en Galicia varíe moito para min a cousa. Por iso vexo como un luxo abraiante quedar tomar un café coa miña amiga Meseret e logo pasar tempo co Dr. Mulugeta e as nenas nun lugar de xogos da cidade onde pasa xente que me deixa abraiada e entretida toda a tarde.

Chámame a atención que as mozas e os mozos saian e anden da man, que a xente se relacione de forma afectuosa, que se beba cervexa nas mesas, que as nenas e os nenos anden con liberdade por todas partes. Obviamente, o entorno é urbano, de clase media. Pero non podo negar que no entorno urbano e de clase media do meu outro fogar as mozas e os mozos non andan nunca da man, nin quedan para tomar algo, nin xogan ao billar. Nin tampouco podo negar que no meu fogar de nacemento o luxo de pasar un sábado facendo nada, estando con xente e mirando para o aire é algo que non me resulta habitual.


Crónicas anteriores:


Ligazóns

3,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: