Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Independencia da provincia serbia

O Estado Español nin recoñecerá nin estabelecerá relacións con Cosova

Que mude de parecer dependerá do número de países de toda a comunidade internacional que o fagan, en particular Serbia, Rusia, Bosnia e o mundo árabe.

Redacción - 18:30 13/02/2008

O Estado Español non recoñecerá Cosova nin estabelecerá relacións diplomáticas co novo Estado polo menos "a curto ou medio prazo", segundo informaron fontes diplomáticas españolas á axencia de noticias Europa Press.

O goberno advirte de que a declaración unilateral de independencia de Cosova carece de "base xurídica internacional", e cualifícaa de "sui generis": non vai entrar na ONU, non vai ter Exército (as únicas tropas serán as da OTAN), e os seus policías e xuíces vainos achegar a UE. Máis que un estado independente, Cosova será unha especie de protectorado, afirman.

O Estado Español non ten tradición de recoñecemento de estados, senón que os recoñece de facto estabelecendo relacións diplomáticas a través dun intercambio de notas verbais, tal e como ocorreu no caso de Montenegro.

A diferencia entre Montenegro e Cosova, para o goberno español, é que o primeiro foi país, aínda que por poucos anos, a principios do século XX, e a Constitución de Serbia e Montenegro recollía seu o dereito á autodeterminación.

O caso de Cosova, subliñaron, 'é único, non ten precedentes na historia das relacións diplomáticas' dado que se trata de 'unha provincia dun Estado membro de Nacións Unidas que vai proclamar unilateralmente a súa independencia'.

Condicións
Se nuns meses houbese unha maioría de países que recoñeceron Cosova e se comproba que na rexión non se produciron conflitos, o Estado Español podería mudar a súa postura, tendo moi en conta a posición de Serbia, Rusia, Bosnia-Herzegovina e o mundo árabe.

O recoñecemento de Cosova como Estado independente non virá da UE, senón de cada país membro a título individual. Algúns poderían anunciar o vindeiro luns -no Consello de Asuntos Xerais e Relacións Exteriores dos vintesete ministros de Exteriores- que están preparados para recoñecer a súa independencia. É o caso de Alemaña, Dinamarca e Reino Unido.

A maioría dos estados membros da UE son favorábeis ao recoñecemento do novo Estado, aínda que moitos precisan dunha autorización parlamentaria, como Bélxica ou Italia. O español, xunto con Chipre, está entre os máis reticentes.



5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: