Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

A Consellería de Industria destina 5 millóns á promoción das novas tecnoloxías nas empresas

Fernando Blanco salientou o avance do sector no país, que xa dá emprego a máis de 14.000 persoas.

Redacción - 17:48 09/01/2008

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou este mércores as axudas previstas para este ano para empresas en materia da Sociedade da Información, cun importe total de 5 millóns de euros, un 66,6% máis de orzamento que no exercicio anterior.

Desta volta, as axudas poderán acadar até o 70% dos investimentos subvencionábeis. O ano anterior o límite era do 50%.

As axudas teñen como obxectivo contribuír ao desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza por medio da cohesión territorial e social, contribuíndo á mellora de competitividade das nosas empresas, en especial das pemes. As subvencións aspiran a potenciar a introdución das TIC naqueles segmentos que presentan maiores dificultades, pero que son maioritarios, dada a estrutura empresarial do país: un 10% máis para as medianas empresa e un 20% para as microempresas. Os 5 millóns de euros estarán repartidos en catro apartados: para a infraestrutura interna das empresas para a Sociedade da Información, para a implantación de aplicacións informáticas de código aberto (esta parte leva máis da metade do orzamento), o apoio ao desenvolvemento do sector das TIC e a formación técnica e promoción do sector.

As axudas anunciadas por Industria cumpren con dúas das estratexias do Plano Galego da Sociedade da Información (PEGSI) encamiñadas ao eido empresarial.

Por outra banda, Fernando Blanco tamén facilitou algúns dos últimos datos dispoñíbeis sobre a Sociedade da Información en Galiza: en 2006 o 66,8% das empresas de máis de 10 empregados dispoñían de rede de área local (un 24% máis que en 2004) e o 90% dispoñían de internet, maioritariamente con acceso de banda larga, cun incremento do 7,8% fronte ao ano anterior. Ademais, o conselleiro dixo que o sector das TIC medrou en Galiza un 27,5% entre 2004 e 2007, acadando as 1.482 empresas, con 14.150 empregados.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: