Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Campaña 'Quen contamina?'

Greenpeace sinala Pontevedra, Cerceda e Arteixo como puntos máis contaminados

Os ecoloxistas culpan a empresas como Ence-Elnosa, Sogama ou Repsol-YPF.

Redacción - 14:25 11/02/2008
Elnosa forma parte da empresa matriz Ence

Elnosa forma parte da empresa matriz Ence

A asociación ecoloxista Greenpeace iniciou este luns en Barcelona a campaña 'Quen contamina?' coa que pretenden sinalar publicamente os maiores contaminadores do Estado. A presentación do informe 'Contaminación en España' que inclúe un mapa de 'puntos negros' é a primeira das actividades que levan a cabo. Ademais teñen previsto unha singradura a bordo do Arctic Sunrise por estes lugares.

Ence-Elnosa (Ría de Pontevedra), polas súas emisións de mercurio, organoclorados e outros contaminantes "moi perigosos, que poden entrar na cadea alimentaria" son os principal foco contaminante de Galiza, segundo este estudo. Neste senso solicítanlle á Xunta que non se lle conceda a Autorización Ambiental Integrada.

Sogama e o transporte marítimo
Respecto da incineradora de Sogama (Cerceda, Ordes), dedicada a queima de residuos sólidos urbanos, din que xera cinzas e escouras tóxicas. Ademais, emite dioxinas e furanos, sustancias persistentes -que tardan anos ou décadas en degradarse- e bioacumulativas -que se acumulan en todos os organismos da cadea alimentaria.

A industria do petróleo ten tamén un peso importante na contaminación do noso país, segundo Greenpeace. A refinaría que Repsol-YPF ten en Meicende (Arteixo, A Coruña), cunha produción de máis de 6 millóns de toneladas ao ano, é unha fonte importante de vertidos. "Galiza é a zona máis sensíbel e castigada polo intenso tráfico marítimo e, en consecuencia, polos vertidos de petróleo", din.

16.000 mortes ao ano en todo o Estado

"A contaminación do noso ambiente é resultado de políticas industriais, de residuos e de transporte moi laxas e cómplices coa industria. Isto permitiulles ás empresas obter grandes beneficios cos seus negocios, xa que non inclúen os custos asociados á contaminación e á deterioración da saúde pública", afirman.

Ademais, sinalan que a contaminación atmosférica provoca 16.000 mortes ao ano, e que catro millóns de traballadores están expostos a sustancias canceríxenas, 4.000 dos cal morren por esta causa.


Documentos

4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: