Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Reclamación presentada pola APDR

A queixa pola contaminación da ría de Pontevedra chégalle ao Defensor do Pobo da UE

A Asociación pola Defensa da Ría denuncia especialmente os vertidos "escasamente depurados" que fai a planta de ENCE, "evidente incumprimento" das normas europeas.

Redacción - 13:00 11/02/2008

Foi xa na altura de 1999 cando a queixa presentada ao respecto da situación na ría de Pontevedra orixinaba a apertura dun expediente de infracción por incumprimento de lexislación comunitaria, onde se denunciaba "o incumprimento da directiva 91/271/CEE sobre augas residuais urbanas".

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, APDR, lembra que a "desmedida carga contaminante" en forma de vertidos está moi por riba das esixencias legais estabelecidas. Dunha banda, debido ao baixo nivel de depuración das augas residuais de orixe doméstico e doutra, e principalmente, "polos vertidos escasamente depurados de ENCE" que introducían e seguen a introducir toneladas de compostos orgánicos cada día.

Despois da presentación da queixa, que deu lugar á apertura dun expediente de infracción e posterior "comunicación de apercibimento ao estado", a APDR, foi informándolle á Dirección Xeral de Medio Ambiente da Unión Europea de que si ben se tomaron certas medidas para diminuír a contaminación de orixe doméstico, "a administración responsábel estaba a tolerar e mesmo a autorizar a principal fonte de contaminación da ría de Pontevedra".

Sospeitas da subministración de "información falsa"
A APDR achégalle agora a reclamación ao Defensor do Pobo Europeo debido "ás deficiencias apreciadas na tramitación da queixa presentada en 1999 e que aínda non deu lugar a unha decisión definitiva".

O colectivo afirma ter "dúbidas crecentes" sobre a corrección na tramitación do expediente, e din ter o convencemento de que os responsábeis da administración en materia de xestión de augas e vertidos "están a subministrar información falsa sobre o grao de cumprimento da directiva". "Doutro xeito non se entende como un incumprimento tan claro da lexislación comunitaria non teña levado aínda, despois de máis de sete anos, á toma dunha decisión", advirten. Por outra parte, sinalan que "a administración galega xa tiña enviado datos falsos ao principio da tramitación do expediente nun intento por deter o seu avance".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: