O PPdeG presentara unha solicitude por un suposto incumprimento da lei de acceso ao pleno de aprobación do PXOM.
Os grupos municipais do PSdeG e do BNG sumaron este luns os seus 14 votos para impediren que saíse adiante a solicitude do PPdeG para reprobar o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, así como a dimisión do edil de Seguridade, Xulio Calviño, por un suposto incumprimento da lei no acceso ao pleno de aprobación do PXOM.
Os populares anunciaron que remitirán á Fiscalía toda a información da que dispoñen neste senso. Segundo estes, o público que accedeu o pasado 29 de decembro ao salón de plenos estaba integrado na súa totalidade por simpatizantes e afiliados do PSdeG, cargos públicos e mesmo familiares de edís socialistas.
Porén, Calviño insistiu durante o pleno extraordinario en que os asistentes entraron na sala "por orde de chegada", e que o obxectivo de que se cambiase a entrada ao salón foi "evitar situacións de violencia". Ademais, lamentou que o PPdeG se puxese "do lado dos violentos", en referencia aos veciños que protestaron no exterior do edificio.
Críticas, mais apoio do BNG
Pola súa banda, o tenente de alcalde, o nacionalista Santiago Domínguez, considerou que as explicacións dadas polo PSdeG ao respecto da polémica suscitada en torno ao pleno do PXOM "tampouco convencen hoxe". No entanto, malia que o dirixente do BNG advertiu de que "hai que ter autocrítica, porque algo se faría mal", os concelleiros do seu grupo votaron en contra da reprobación.