Para o secretario de Organización do PsdeG, Ricardo Varela, a actuación do líder do PPdeG no caso do cheque en México é dunha "gravidade" que no se daba "nin nos mellores tempos de Fraga".
Tras a petición de "dimisión" que Varela efectuou ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, este retrucou que "probablemente foi inadecuado entregar calquera tipo de papel", pero que a subvención se concedera "meses antes". Ao respecto, Varela considerou que coa palabra "inadecuada" non se pode ocultar esta "insólita e grave" actuación.
Varela recordoulle a Núñez Feijoo que a súa actuación implicou que un particular "suplante" a personalidade dunha institución pública e "transforme a Deputación de Pontevedra nun instrumento ao servizo do PPdeG", proceder que na opinión do socialista só pode cualificarse de "indecente".
Da "mentira" do cheque á da tarifa nocturna
O secretario provincial de PSdeG d'A Coruña, Moisés Rey, asegurou este sábado que ao respecto da modificación da tarifa eléctrica nocturna o próximo mes de xullo, o PpdeG está facendo "unha campaña de mentiras e confusión".
O socialista opina que os populares tratan de "confundir" os cidadáns con "mentiras e información nesgada" acerca do tema, co único obxectivo de obter un beneficio electoral. Rey insistiu en que a modificación obedece á adaptación do sistema estatal á nova normativa europea.
De diferente opinión son desde o PPdeG, onde sosteñen que o cambio de tarifas constitúe un "ataque" para as economías de 160 mil familias galegas, que teñen contratado este tipo de tarifa e que, a partir do próximo 1 de xullo, terán que facer fronte a un "incremento" do gasto de arredor do 50%. Ao fío, o PP ferrolán convocou unha charla divulgativa para a semana que vén co obxecto de explicarlle aos cidadáns sobre a substitución da tarifa nocturna.