A obra de Xose Manuel Pazos Varela, Candido Pazo Gonzalez, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Delgado superou ás de Eduardo Alonso e Ánxeles Cuña.
O Marat-Sade de Animalario foi o gran triunfador dunha noite na que o teatro galego tamén estivo representado. O Premio ao mellor autor teatral en galego foi finalmente para Emigrados, de Xose Manuel Pazos Varela, Candido Pazo Gonzalez, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Delgado. Tanto Pazó como De Toro repiten premio, que xa obtiveran en 2002 (por Ñiki Ñake) e en 2004 (por Círculo), respectivamente.
A obra de Teatro de Ningures engarza textos dos cinco autores, nunha montaxe que en forma de mosaico trata o tema da emigración, da inmigración, do retorno e do desarraigamento, conformando un cadro xeral. Nas representacións de Teatro de Ningures a interpretación correu a cargo de Casilda García, Sonia Rúa, Mónica Camaño, Pepa Barreiro, Santiago Cortegoso, Fran Paredes e Salvador del Río; en tanto que a escenografía está deseñada por Pablo Giráldez "Pastor" e o vestiario por Carlos Alonso. Anxo Graxa compuxo a música e Etelvino Vázquez fíxose cargo tamén da iluminación.
Plataforma, a derrotada
Animalario levou o premio ao mellor espectáculo teatral, mentres que Mario Gas, co seu Ascenso y caída de la ciudad de Mahagonny, de Brecht e Kurt Weill obtivo o de mellor espectáculo musical. Tamén foi unha boa noite para Juan Mayorga , que gañou dous premios: o de mellor adaptación por Un enemigo del pueblo de Ibsen, e o de mellor autor teatral en castellano por El chico de la última fila. O gran derrotado foi Calixto Bieito, cuxa Plataforma acumulaba o meirande número de nominacións e tivo que se conformar con algún premio técnico e co de actor de reparto para Carles Canut.