Acúsanos de "integración en organización terrorista por reiteración delituosa, ao seguir actuando en nome de Batasuna".
Os tres foron detidos no mediodía desta segunda feira de Entroido nas localidades nas que residen: Pernando Barrena en Berriozar; Patxi Urrutia en Iruña; e Unai Fano en Larrabetzu.
Segundo fontes xurídicas, as detencións enmárcanse nas dilixencias 320/07, abertas polo maxistrado tras a operación desenvolvida o pasado outubro na localidade guipuscoana de Segura, na que foron detidos uns vinte membros da Mesa Nacional de Batasuna. Naquela altura xa detiveran a Patxi Urrutia, que saíra após pagar unha fianza de 24 mil euros.
Ao parecer as detencións responde á intervención de Barrena, Urrutia e Fano o pasado sábado en Iruña, nun acto sobre as "conversacións de Loiola", que mantiveron o PNV, o PSE e Batasuna en outubro de 2006, e sobre a "proposta de marco democrático" da esquerda abertzale.
Neste acto Barrena asegurou que a esquerda abertzale vai estar "con toda seguridade" e "en calquera circunstancia" nas eleccións españolas do 9-M.
Garzón considerou que con estas intervencións públicas, que Barrena seguiu actuando en nome de Batasuna, a pesar da ilegalización desta formación, e ordenou as detencións dos tres, acusándoos de "integración en organización terrorista por reiteración delituosa, por seguir actuando en nome de Batasuna a pesar da súa ilegalización".