O presidente do PP di que "é ilóxico" que un andaluz poida aprender galego ou catalán.
Segundo o líder do PP, o Estado español é "o único do mundo onde os pais non poden elixir o modelo de educación que queren para os seus fillos". Ese poder de elección ao que aspiraría Mariano Rajoy para os proxenitores incluiría a posibilidade de evitar que estudasen galego, catalán ou éuscaro. "En moitos casos os nenos estudan nun idioma no que ao mellor non queren estudar", afirmou Rajoy este luns durante unha intervención na localidade gaditana de Algeciras.
Rajoy pronunciouse deste xeito despois de comentar a proposta que o PSOE andaluz incluirá no seu programa para as eleccións autonómicas do próximo 9 de marzo, na mesma data que as eleccións xerais, e cualificou de "ilóxico" que nas escolas de idiomas de Andalucía un estudante poida optar por galego, catalán ou éuscaro. En contraposición, avogou por reforzar a presenza do "inglés e as novas tecnoloxías a partir dos tres anos". "O castelán é a segunda lingua do mundo", insistiu o presidente do PP.