Con máis da metade dos votos escrutados logra case o 51% dos apoios. O ultradereitista Tomislav Nikolic acepta a derrota.
Logo dunha segunda volta taquicárdica, o actual presidente serbio, Boris Tadic, repetirá mandato. Con máis da metade dos sufraxios escrutados, Tadic logra algo máis do 50,5% dos mesmos fronte ao 48% do rival. Malia o apretado do resultado, Nikolic xa felicitou ao presidente pola súa vitoria. A alta participación, preto dun 68% dos censados, parece terlle dado a chave a un Tadic que tivera menos votos ca o seu rival na primeira volta.
Milleiros de partidarios de Tadic xa festexan nas rúas de Belgrado a nova. Pola súa parte, o presidente serbio prometeu traballar para que o país se integre na Unión Europea e anunciou, xa en clave interna, aumentar os esforzos na loita contra a corrupción e na mellora da calidade de vida dos cidadáns, ademais de proseguir coas reformas políticas que principiaran no outono de 2000 logo de que Slobodan Milosevic abandonara o poder.
Tadic terá que enfrontarse nos vindeiros meses á posíbel independencia de Cosova. Os líderes cosovares xa anunciaron que non están dispostos a seguir conformándose cunha simple autonomía política e que 2008 é o ano elixido para acadar a súa plena soberanía nacional, algo que rexeitan todos os partidos serbios