Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
5 millóns de dólares por cada voto positivo

Un xornal iraquí denuncia casos de suborno na aprobación da lei do petróleo

Por outra banda, a compañía Shell insinuou que participará na reconstrución do país sempre e cando a norma saia adiante.

Redacción - 12:14 01/02/2008
O xefe executivo de Shell, Jeroen van der Veer

O xefe executivo de Shell, Jeroen van der Veer

O diario iraquí Akhbar Alkhaleej recolle as confesións dun deputado iraquí, "que preferiu permanecer no anonimato", onde afirma que representantes de compañías petrolíferas de EUA mantiveron xuntanzas secretas con varios parlamentarios para se aseguraren que a lei do petróleo e do gas sexa aprobada.

Segundo esta fonte, as empresas ofreceron cinco millóns de dólares a cada deputado iraquí que vote a favor da norma. A suma total non excedería os 150 millóns de dólares, tendo en conta que cómpren 138 votos para aprobar a lei.

Ademais, o deputado anónimo asegura que os estadounidenses xa aseguraron os votos dos representantes curdos, e que se están a centrar nos xefes dos grupos parlamentarios e en figuras influíntes da cámara iraquí.

Contratos de trinta anos

De ser aprobada, compañías como BP, Shell ou Exxon poderían acadar contratos de trinta anos de duración para extraer o petróleo de Iraq, unha das maiores reservas mundiais.

Cómpre lembrar que dende 1972, cando a industria foi nacionalizada, nunca as empresas foráneas tiveron acceso á explotación do "ouro negro" iraquí.

Pola súa banda, a industria petrolífera defende que a aprobación desta lei é o "único xeito de reactivar a produción en Iraq, tras anos de sancións, guerra e emigración de técnicos especialistas."

Chantaxe económica

Precisamente, esta quinta feira, o xefe executivo de Shell, Jeroen van der Veer, insinuou que a compañía participará na reconstrución do país sempre e cando a lei do petróleo sexa aprobada.

"Estamos interesados en traballar en Iraq... mais primeiro temos que coñecer as regras do xogo", afirmou en conferencia de prensa.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: