A Conferencia Episcopal tamén insinúa a súa posición contraria ao diálogo e a negociación como vía para a resolución do conflito en Euskadi.
"Se ben é verdade que os católicos poden apoiar partidos diferentes e militar neles, tamén é certo que non todos os programas son igualmente compatíbeis coa fe e as esixencias da vida cristiá, nin son tampouco igualmente próximos e proporcionados aos obxectivos e valores que os cristiáns deben promover na vida pública", sinala a misiva coa que os bispos queren guiar o voto dos católicos cara aos comicios do 9 de marzo.
Durante a presentación do documento, o voceiro da Conferencia Episcopal, Juan Antonio Martínez Camino, reclamou o dereito da Igrexa a "dicir que en España hai leis gravemente inxustas". A carta dos bispos solicita por exemplo que á hora de acudiren ás urnas, os católicos non lle dean o apoio ás formacións políticas que apoien opción distinta á "fundada no matrimonio" evitando introducir "outras formas de unión que contribuirían a desestabilizala, escurecendo o seu carácter peculiar e a súa insubstituíbel función social".
Temor polas fendas da sociedade "pluricentenaria"
Recoñecen ademais a "lexitimidade" das posicións nacionalistas que sen botar man da violencia "pretendan modificar a configuración política da unidade de España" pero chaman ao respecto a recordar as palabras do anterior Papa a "superar tendencias corporativas e os perigos do separatismo cunha actitude honrada de amor ao ben da propia nación" e o ben común "dunha sociedade pluricentenaria".
Noutro apartado, sinalan as "dificultades crecentes para incorporar o estudo libre da relixión católica nos currículos da escola pública, así como o programa da nova materia de carácter obrigatorio denominada Educación para a Cidadanía, que lesiona o dereito dos pais e da escola a formaren os seus fillos de acordo coas súas conviccións relixiosas e morais".
Na web dos bispos poden ler a carta completa: A Conferencia Episcopal Española diante das eleccións xerais de 2008.