A presidenta madrileña anima a precampaña en Vigo. Marón colle o mando do PSdeG na Coruña. O BNG presenta lema de campaña: "Contigo Galiza decide".
"Quere estar en misa e repicando", apúñalle o secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, ao voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, acusándoo de ter "un desmedido afán de protagonismo". A Varela, até o de agora o máis curtido dos socialistas galegos na area dos debates electorais, tocáballe así este mércores defender a incerteza creada arredor do posíbel debate na Galega entre os líderes das tres principais formacións políticas.
A ansia debatedora de PPdeG e BNG cobrou azos coa inédita concesión do presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG de baixar de Monte Pío até as cámaras da TVG e concederlles o enfrontamento dialéctico que até o de agora só concedera no Parlamento. Pero o convite inicial saído ás tres formacións políticas desde a propia televisión pública parece que terá que pasar por peneiras parecidas ás do que terán Zapatero e Rajoy no contorno estatal: haberá condicións sobre a mesa e vaise mirar con ollo a data.
Desde o BNG recordan que a convocatoria formal que realizou a TVG pon data para o 18 de febreiro, ás portas do comezo oficial da campaña electoral. A cita de Feijoo ao outro lado do Atlántico para apañar apoios entre a emigración é o argumento desde o PPdeG para un traslado que propoñen para esa mesma semana. Pero o PSdeG prefire deixalo para máis adiante, xa coa campaña iniciada, e froito da presión para mudar o día, xa se manexou o día 27 do mesmo mes como data posíbel. Quintana insistiu en que acudirá á convocatoria do próximo día 18. "Se queren ir que vaian e se non, que non vaian", avisoulle aos outros líderes. Ao tempo, subliñou estar disposto a participar en calquera outro debate que se convoque.
Esperanza Aguirre faise foto con Corina Porro
Se hai tempo quen parecía ser o referente onde o PPdeG, e o seu propio líder Alberto Núñez Feijoo, se querían mirar, era o alcalde de Madrid, Alberto Ruiz Gallardón, a actualidade do PP virou o escenario. Onde hai pouco aparecera Gallardón para a foto, estivo este mércores a presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, logo da súa vitoria no pulso co alcalde.
Aguirre acudiu a Vigo para apoiar a precampaña do PP pontevedrés e en particular a candidatura ao Senado de Corina Porro. Durante a súa visita zoupou duro contra o bipartito e dixo ver en Galiza políticas "absurdas" promovidas desde "corsés do particularismo antiespañol". "A exaltación do nacionalismo leva a sociedades máis pechadas, menos libres e con menos oportunidades", dixo durante a intervención no Club Financeiro de Vigo.
O BNG promete unha campaña "didáctica"
Así o explicaron durante a presentación do novo lema de campaña: "Contigo Galiza Decide", o coordinador executivo do BNG e cabeza de lista pola provincia da Coruña, Francisco Jorquera, e o secretario de Imaxe e Propaganda, Mario López Rico, facendo repaso con número exacto de trípticos, bandeirolas, valados e vehículos a lanzar o lema do Bloque cara ao 9 de marzo.
Jorquera contrapuxo o que prometeu que será unha "campaña en positivo" e con esforzo "didáctico" e de "diálogo", fronte ao que cualificou de "demagoxia" e "nerviosismo" de PSOE e PP. O candidato do BNG pola Coruña destacou que as propostas económicas "demagóxicas" de socialistas e populares terían un grave impacto en Galiza dado o "déficit histórico en investimentos do Estado en infraestruturas e políticas sociais" que acumula o país.
Marón toma o mando na Coruña
Co ministro de Cultura e cabeza de lista do PSOE pola Coruña, César Antonio Molina, en Madrid, o protagonismo da precampaña coruñesa asumiuno este mércores a número dous da lista socialista, Carme Marón. Ela foi a encargada de presentar formalmente as listas do PSOE da provincia na Audiencia Provincial.
Marón aproveitou a serodia presentación das listas do PP na provincia, finalmente encabezadas por Antonio Erias, para contrapoñer a que definiu de "lista gañadora" do PSdeG fronte á "feita a última hora, á présa e correndo".
Máis no Canal Xerais08