"O BNG é incapaz de condenar o nazismo", din desde o PP. Respóndenlle os do BNG que non aceptan "leccións dos que se negan a condenar o franquismo".
O PPdeG vai presentar unha proposición non de lei para que o Parlamento galego condene o nazismo "sen condicionantes", segundo dixo esta cuarta feira o seu secretario xeral, Alfonso Rueda, na conferencia de prensa convocada con motivo da visita de Esperanza Aguirre a Galiza.
Segundo Rueda, é o seu partido o que vai presentar esta proposta porque, ao seu ver, "o BNG é incapaz de condenar o nazismo". O popular fixo estas declaracións en referencia á negativa do Bloque a apoiar unha declaración de condena ao nazismo e ao holocausto xudeu, se non se inclúen tamén o rexeite a outros ataques e actuacións represivas, como a de Israel cara o pobo palestino. Isto dixo Rueda a seguir, dándolle paso á presidenta madrileña, quen dixo terse "escandalizada" ao coñecer a noticia. Quen tamén se escandalizou foi o xornal da rede Libertad Digital, que publica unha editorial na que falan do BNG como o partido que, "como o nazi, é nacionalista e socialista a un tempo".
O BNG critica as "querencias ultradereitistas" dos populares
O cabeza de lista do BNG ao Congreso por A Coruña, Francisco Jorquera, advertiulle ao PP que a súa formación "non acepta leccións dos que se negan condenar o réxime de Franco e reafirmou que o nacionalismo galego "é a antítese" da ideoloxía expandida por Adolf Hitler.
A polémica xurdira a raíz da proposta da Asociación Galega de Amizade con Israel para que o Parlamento aprobase unha resolución condenatoria. O BNG avogaba por incluír no texto unha mención á actual situación na Franxa de Gaza e as "agresións" do Estado israelí ao pobo palestino. Finalmente, non se alcanzou un acordo.
Jorquera reivindicou ser a "antítese do nacionalsocialismo" e da súa transposición no Estado español, "o franquismo". "Combatemos ao franquismo mentres Mayor Oreja vivía placidamente", dixo en alusión a unhas declaracións do dirixente popular nas que aseguraba que durante a ditadura moitas familias "viviron placidamente" e nas que se negaba a condenala.
Ademais, opinou que o xornalista radiofónico Federico Jiménez Losantos, "coñecido polas súas querencias ultradereitistas", é quen "marca a liña do PP". Precisamente, o locutor abordaba hoxe no seu artigo para o diario 'El Mundo', en ton moi crítico, a negativa do BNG a subscribir a declaración proposta pola AGAI. "A verdade é que as acusacións do PP moverían á risa se non fose porque estamos a falar dunha enorme traxedia humana", expuxo Jorquera, que xulgou que esta situación revela "o nerviosismo" dos 'populares' polo "avance do nacionalismo en Galiza". Ademais, considerou "sorprendente" que os conservadores "se queiran arrogar o papel de crítico do nazismo" cando rexeitaron a Lei de Memoria Histórica e que "tantas veces desculpou o franquismo".