Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

A renovación que Rajoy freou

Así o opinan dous dos excluídos no PPdeG, ao saíren das listas do Congreso despois de quince anos con asento.

Redacción / EP - 09:00 30/01/2008

Seica Mariano Rajoy salvou a algúns dos históricos nos escanos do PP en Madrid, fronte ás supostas ansias de renovación nas candidaturas que pretendía a dirección do PP en Galiza. Rajoy salvou a algúns dos cuestionados por Alberto Núñez Feijoo, até poder vender á opinión pública esta semana unha renovación do 66%, logo dun complicado proceso onde a lista en Galiza foi a última a nivel estatal presentada polo PP.

Dous dos que non pasaron a criba e tampouco puideron ser rescatados por Rajoy reflexionábano así para Europa Press este martes. Xulio Padilla e Carlos Mantilla, con longa traxectoria en Madrid, din estar convencidos desa situación. Os dous coinciden en que ao confeccionar as candidaturas con esa premisa de renovación, os seus quince anos como deputados xogaban en contra deles.

Nese esquema inicial do PP galego quedaban fóra das listas, ademais de Padilla e Mantilla, os actuais deputados Arsenio Fernández de Mesa, Dolores Pan e María Xesús Sainz. Ao parecer, Rajoy e Núñez Feijoo reuníronse o pasado venres para rematar de pechar as candidaturas e algún destes deputados puideron ser recolocados. Deste xeito, Fernández de Mesa mantívose na lista da Coruña e Pan e María Xesús Sainz foron desprazadas ao Senado. "Uns quedaron fóra, outros un pouco peor, e mellor, ningún", resumiu Mantilla.

Reequilibrios de poder interno
En contra de Padilla xogaron as súas discrepancias con Núñez Feijoo, xa que se aliñou con Francisco Cacharro e coa candidatura de Xosé Cuiña que competiu polo liderado do PPdeG con Feijoo. Polo seu lado, Mantilla a quen se lle atribúe estreita amizade con Rajoy, avalía a súa exclusión unicamente debida aos seus anos de permanencia no Congreso. "Supoño que alguén non permitiría que me depurasen", asegura.

Ao respecto, considera Mantilla que non tería por que influír a súa posición crítica coa comunicación do PP nos anos da guerra de Iraq. "Aquilo foi antes das eleccións de 2004 e ninguén me chamou a atención", di Mantilla, "e repetín e sigo pensando que temos un gravísimo problema de comunicación e non creo que iso sexa dicir unha barbaridade".

Carlos Mantilla reincorporarase á súa cátedra na Escola de Empresariais e seguirá nos postos que desempeña no partido. Pola súa banda, Xulio Padilla volverá ao seu despacho de avogado e reintegrarase á súa carreira no Corpo Xurídico Militar, onde solicitará novo destino.


2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: