A piques de presentar o o seu último libro, sobre a experiencia persoal dos canteiros de Cerdedo na Guerra Civil, Dionísio explicou a Vieiros as claves do seu novo traballo.
Acaba de resolverse ao seu favor a denuncia interposta a raíz da publicación do seu libro, A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo, malia que a familia denunciante presentou un recurso de apelación á Audiencia Provincial de Pontevedra, o historiador non perde folgos e vai sacar ao prelo un novo traballo. Baixo o título Canteiros na Terra de Montes no Exército Popular da República, o historiador relata as vivencias de Rogelio Arca, tomando como base o seu diario de guerra e as fotos tiradas polo protagonista dende a fronte de combate. O libro sae á luz grazas á colaboración da Asociación Verbo Xido e da Editorial “Difusora das Artes, Letras e Ideas” de Ourense. Conta tamén cun limiar de Xurxo Pantaleón, responsábel de historia oral do Proxecto Interuniversitario "As Vítimas, os Nomes, As Voces, Os Lugares".
Vieiros: O seu último libro continúa coa liña investigadora no eido da época da represión franquista, que novidades aporta este traballo?
Dionisio Pereira: A verdade é que non enfoca directamente a represión, senón que neste caso céntrase sobre todo nun colectivo, o dos canteiros, que formaban parte do Exército da República. Aínda que moitos deles si sufriron represalias, en ocasións mortais, por participar neste exército. O libro repara en dúas unidades, por unha parte o Batallón 219 do Exército Popular da República en Asturias, e por outro a 39 Brigada Mixta, Batallón Ferrer, incluída no Exército da República na Zona Centro.
A fatídica data do 18 de xullo colle a moitos dos canteiros fóra de Galiza, pero tamén a albaneis ou a persoas dedicadas ao mundo da construción, así como aos que traballaban de forma periódica fóra do noso país. A Guerra cólleos en Madrid, Asturias, País Vasco, ou outras zonas do Estado e isto queda reflectido neste traballo.
Como nace a idea de facer este libro?
A obra nace a partir do diario de guerra conservado por un canteiro de San Martiño de Figueroa, Rogelio Arca Rivas, afiliado ao Sindicato Único da Construción da CNT en Madrid. El é realmente o autor do libro, xa que nace a partir do que foi relatando cada día nese diario, e que foi conservado grazas á dona dunha pensión madrileña, Carmen Simal, que o gardou durante os anos que Rogelio estivo nun campo de concentración en Teruel e nun batallón disciplinario en Lugo. Máis de 65 anos pasaron até que o diario puido saír á luz.
Como foi traballar con Rogelio?
Rogelio sempre foi moito máis que un informante. Deume a pauta de como era o Cerdedo republicano: asociativo e rebelde, cunha grande ética cidadá e grande capacidade de mobilización que agora xa só se queda na memoria de Rogelio. Admíroo profundamente, sobre todo debido á firmeza dos seus ideais.
O libro ten un gran compoñente de homenaxe a Rogelio, e a todas as persoas que nesta longa noite de pedra foron fieis aos seus ideais. Penso que a esquerda debería recoller e cultivar eses ideais como valor de futuro.
Ademais do diario de Guerra, tamén se conservan algunhas fotos tiradas dende as trincheiras
A posesión destas imaxes converteuse nun feito excepcional. Rogelio tiña unha cámara Kodak e tirou bastantes fotos das que chegaron até nos 40. Estaban en moi malas condicións e tras un traballo de restauración conseguimos salvar 30. A existencia destas fotografías supón un gran valor engadido para o libro, xa que se trata de imaxes tomadas polos propios contendentes na fronte de combate.
O libro parte dunha experiencia concreta, dun habitante de Cerdedo (Terra de Montes), pero consigue chegar a unha globalidade...
Si, a partir dun soporte local, escríbese de persoas e situacións que teñen moito que ver cos canteiros, pero tamén vai máis alá. Este tipo de experiencias de persoas con profesións itinerantes, aos que en moitos casos lles pillou a Guerra fóra de Galiza, teñen incidencia no noso país. Son profesións como os canteiros de Cerdedo, pero tamén os mariñeiros, os cabaqueiros do Rosal entre outras profesións. Isto significou que gran parte da poboación en idade laboral estaba a traballar fóra, e ao igual que aquí, a represión foi moi dura.
Cambiando de tema, considera suficiente o apoio institucional para este tipo de publicacións?
Aínda que o meu libro si recibiu subvencións, teño que dicir que todo é pouco. Os libros que poden ser enfocados dende unha temática local, teñen difícil saída, xa que non reciben demasiadas axudas. As editoriais non se interesan por eles. Agora, a política que se segue é a de primar ás editoriais, pero o que se debería facer tamén sería apoiar ás asociacións sen ánimo de lucro que son as que en moitos casos permiten que saian adiante iniciativas deste tipo. Penso que deberían ter un apoio máis forte por parte dos concellos e das consellarías.
Aínda queda moito que investigar e sacar á luz da época da represión, cre que na actualidade hai investigadores dabondo para aclarar os feitos sucedidos neste período histórico?
Pois no mesmo caso que antes, todo é pouco. A partir de 2006 produciuse unha eclosión. Agora a actividade mantense, pero non teñen todo o apoio que deberan. A virtude destes libros locais é que normalmente se pensa que a historia se escribe nas grandes batallas, mais tamén hai outros lugares dignos de seren reseñados. Hai localidades que non teñen quen lles escriba, pero si unha grande repercusión na historia.
A memoria colectiva consérvase moi fortemente nestes lugares. Pásase de pais a fillos, dende que se contaban as historias arredor das lareiras. Podería dicirse que os historiadores temos todo o traballo feito: moitos informantes que coinciden nas súas declaracións e a nós só nos queda recoller esa memoria colectiva xa conformada. A memoria está viva e cómpre que haxa xente que a recolla para conformar a historia do noso país.