“Polo seu labor investigador e divulgador da represión franquista”, por dar a coñecer feitos, lugares e nomes, e organizar actos de reparación e rehabilitación da memoria das vítimas.
A distinción foi inaugurada o ano pasado, co gallo do ano da memoria, pola Fundación Alexandre Bóveda. O acto de entrega desenvolverase durante un xantar, o 17 de agosto, día da Galiza Mártir, no Pazo da Cultura en Pontevedra ás 14.30.
Esa xornada comezará ás 13.00 coa ofrenda institucional no monumento a Alexandre Bóveda na Caeira (Poio), o monte onde foi fusilado o 17 de agosto do 36. Despois do xantar, xa ás 18.30, celebrarase a cerimonia de aniversario na Capela de Santo Amaro. No cemiterio, diante do sartego de Bóveda, terá lugar o acto cívico, no que intervirá a escritora Fina Casalderrey. Por último, faráselle unha homenaxe política a Alexandre Bóveda no seu monumento da Praza Curros Enríquez, de Pontevedra.
Quen queira asistir poden inscribirse no enderezo electrónico galizamartir@gmail.com ou chamar ao teléfono 670514960, e informarse na web http://galizamartir.blogaliza.org.
En lembranza das vítimas
Este día serve para lembrar o fusilamento de Alexandre Bóveda, que inspirou hai 65 anos á Irmandade Galega de Bos Aires, que presidía Castelao, para dedicarlle o Día da Galiza Mártir ás vítimas da represión franquista.
Con só 29 anos, no 32, Bóveda participara na asemblea pro-estatuto en Compostela, e foi elixido membro da comisión redactora. Un ano despois elixírono membro central do Comité da Autonomía presidido por Bibiano Fernández Osorio Tafall, e no 36 acudiu como candidato da Fronte Popular pola provincia de Ourense ás eleccións. Detivérono, acusado de “traizón”, o 20 de xullo dese ano, e condenárono a morte o 13 de agosto dese ano. Foi, en palabras de Castelao, o motor do Partido Galeguista.