Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Seguen ás voltas co palista galego

Afirman que o Comité Olímpico vai mediar entre a Xunta e David Cal

O diario español El Mundo comeza unha serie de artigos nos que, empregando os mesmos termos, retoma a "polémica" de non ser David Cal Deportista Galego de Alto Nivel este ano.

Redacción - 13:30 29/01/2008

Esta terza feira o diario español El Mundo volve cun outro artigo (o primeiro foi publicado na segunda) sobre as bolsas de David Cal, no que aseguran que o COE (Comité Olímpico Español), vai mediar entre a Xunta e o piragüista para que este poida percibir, un ano máis, as axudas correspondentes aos Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN), que este ano non pediu, polo que non lle foron concedidas.

Aparecen, neste artigo, asinado por Orfeo Suárez, declaracións do presidente da entidade, Alejandro Blanco, quen asegura, que "isto hai que arranxalo xa, porque do que Cal ten que se preocupar é de adestrar, de focalizalo todo na súa preparación. Para todo o demais está a administración, non para poñerlle trabas".

Un primeiro artigo que lle bota as culpas a Touriño e aos seus pactos co BNG

Este segundo artigo corresponde a unha pequena serie, iniciada polo xornalista do diario a pasada segunda feira. No seu primeiro artigo, Suárez falaba con Cal e co seu adestrador, Suso Morlán, segundo o cal a Xunta marxina ao palista de Aldán, debido "ao cambio de goberno e á cesión do Deporte aos membros do BNG".

Nuns cantos parágrafos o artigo vai recollendo as impresións do adestrador de Cal, Suso Morlán, e de el mesmo, non moi dado a falar, do que din que sorrí "coma se estivese por riba das miserias dos seus propios paisanos" e que é "un home afeito ao medio, á auga e ao frío, de corpo poderoso e mirada atlántica".

A seguir expoñen, pouco precisadas, as axudas económicas que percebe Cal, entre as que están uns 90 mil euros que lle entrega o seu patrocinador, a marca Rías Baixas, e uns outros, non descifrados, que tamén lle dá a Deputación de Pontevedra ("que continúa en mans do PP", precisan no escrito).

Segundo este xornal, Cal deixou de percibir 18 mil euros de Xunta, e Morlán uns 12 mil, por non entrar este ano na listaxe de DGAN. E isto, segundo Morlán, fixo que tivesen que ir a moitas competicións do calendario que preferían obviar, "peaxes necesarios" segundo o periódico, para renovar a bolsa ADO. Logo contabilizan a cantidade que deixou de cobrar, segundo eles, nestes anos (dende "o primeiro ano do Bloque na Xunta"); uns 38.500 euros. A perda de todos estes cartos é para o xornalista cousa tamén "do presidente da Xunta" que "é presa dos seus propios pactos".

Que foi o que realmente pasou cos cartos que Cal di ter perdido?
Hai uns meses comezaba a polémica sobre os posíbeis "desencontros" entre a Xunta e o palista; ou mellor, entre o seu adestrador e a Xunta, ou dende a Federación Galega de Piragüismo e a Xunta. De feito Morlán daba unha conferencia de prensa o 9 de outubro de 2007 queixándose da redución da bolsa de Cal e de que a el non lle pagasen nada, e referíase a un acordo co anterior goberno da Xunta "polo cal David conseguiría unha subvención de 18 mil euros e eu de 12 mil", por iso agora, segundo ese vello acordo, o palista e máis o seu adestrador deixaron de percibir esa teórica cifra de 38.500 euros dos que se fala no artigo.

Para ser Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN)
Para que os deportistas galegas sexan recoñecidos como DGAN deben facer unha solicitude previa, nos prazos que marca o regulamento. Segundo o subdirector xeral para o Deporte, Ramón Brigos, "É unha decisión voluntaria e libre do propio deportista, que ten que facer a súa solicitude".

O recoñecemento de David Cal venceu o pasado mes de marzo de 2007. Naquela altura a Xunta mandoulle unha carta informándoo do que acontecía, e da apertura dun novo prazo para presentar unha solicitude, se o considerase oportuno. Nesta parte do proceso acostuma mediar, ademais, a federación correspondente a ese deportista, que debe avisalo da perda da condición. De feito as federacións son informadas ao respecto, xa que son elas as que teñen que certificar os méritos deportivos das persoas que optan á condición de DGAN.

No caso particular de Cal, segundo comentou Brigos nunha comparecencia ante os medios o pasado mes de outubro de 2007, "este ano a Dirección Xeral para o Deporte non recibiu a solicitude que fixese posíbel a súa inclusión na nova listaxe de DGAN".

Ademais, esta condición de DGAN non conleva directamente unha axuda económica, aínda que os deportistas considerados DGAN poden solicitala e acceder a ela cumprindo sempre os principios básicos de obxectividade, publicidade, mérito e concorrencia. As axudas non son discrecionais, e deben ter acceso a elas todos os cidadáns e cidadás.

Ao non solicitalos e non realizar todo o proceso, Cal quedou sen os cartos, aínda que dende Deporte afirman que o palista xa está incluído na nova listaxe de DGAN, que comezará a validarse a vindeira tempada.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Remando en Duisburg, no Mundial
Remando en Duisburg, no Mundial
Con Ánxela Bugallo, en Verducido este verán
Con Ánxela Bugallo, en Verducido este verán
Remando en Atenas 2004
Remando en Atenas 2004
Con Suso Morlán, en Atenas 2004
Con Suso Morlán, en Atenas 2004