O subdirector xeral de Deportes e o director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva repasaron a situación na que se atopan os equipos de piragüismo e reiteraron o seu convite a Cal para adestrar nel.
O subdirector xeral de Deportes, Ramón Brigos, e máis o director do CGTD, Telmo Silva, saíron ao paso das manifestacións vertidas por responsábeis da Federación Española de Piragüismo, nas que se aseguraba que dende o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) se puxeran trabas ao adestramento do palista David Cal, motivo polo cal o deportista abandonaba o centro galego para adestrar nas augas do Lérez e en Asturias.
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación subliñaron que "o obxectivo fundamental é a formación integral de deportistas novos". Ademais, o centro oferta as súas instalacións para deportistas de alto nivel, atendendo ás solicitudes tanto das federacións como a solicitudes persoais de determinados deportistas.
Silva explicou que cando se lle encomendou, dende a Dirección Xeral para o Deporte, a tarefa de dirixir o CGTD, insistiuse na necesidade de dotar ao centro dun modelo de funcionamento, dunha ordenación que non existía até o momento.
Os criterios de admisión do CGTD
Desta forma, establecéronse criterios de admisión de alumnos e alumnas, seguindo os principios democráticos fundamentais de igualdade. O responsábel do centro lembrou estes detalles para explicar que nos acordos puntuais con federacións para os adestramentos de deportistas de alto nivel é preciso establecer un réxime de traballo. Na tempada 2006-2007, segundo Silva, varios palistas do equipo español de piragüismo adestraban no CGTD, entre eles David Cal.
Na presente tempada, a Federación Española de Piragüismo (RFEP) volveu solicitar o uso destas instalacións para os equipos senior, canoa, sub 23 e júnior.
A selección española adestra no CGTD
A Dirección Xeral para o Deporte concedeulle á federación española a autorización para empregar o centro, e o 5 de setembro celebrouse unha reunión cos responsábeis da entidade deportiva para concretar os detalles da programación dos seus palistas. Nesta xuntanza os responsábeis da Federación comprometéronse a comunicar as necesidades específicas de David Cal, un documento que hoxe aínda non se recibiu na Dirección Xeral para o Deporte nin no CGTD.
En relación aos supostos problemas co ximnasio, o director do centro, Telmo Silva, explicou que se vén de realizar un grande investimento na compra das mellores máquinas, avaliadas por persoal interno e externo ao Centro, e nestes momentos "coido que contamos cunha excelente instalación".
Cómo chegar a ser Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN)
Nos pasados días, o adestrador do David Cal criticou o feito de que o palista non figure na última relación de Deportistas Galegos de Alto Nivel, como viña acontecendo durante os últimos anos. En relación a isto, Ramón Brigos explicou cal é o procedemento para que as/os deportistas sexan recoñecidos/as como deportistas galegos de alto nivel (DGAN): "É unha decisión voluntaria e libre do propio deportista, que ten que facer a súa solicitude".
Brigos explicou que "cando está a piques de rematar o período de vixencia deste recoñecemento, -como vén de ocorrer con David Cal, cuxo recoñecemento vencía no mes de marzo- dende a Dirección Xeral envíase unha carta a todos os deportistas DGAN informándoos do que acontece, e da apertura dun novo prazo para presentar unha nova solicitude se o consideran oportuno. Tamén as federacións son informadas ao respecto, xa que son elas as que teñen que certificar os méritos deportivos das/dos deportistas que optan á condición de DGAN. No caso particular de David Cal, este ano a Dirección Xeral para o Deporte non recibiu a solicitude que fixese posíbel a súa inclusión na nova lista DGAN".
O subdirector xeral de Deportes lembrou que "a condición de DGAN non conleva directamente unha axuda económica, aínda que os deportistas considerados DGAN poden solicitala e acceder a ela cumprindo sempre os principios básicos de obxectividade, publicidade, mérito e concorrencia. As axudas non son discrecionais, -insistiu Ramón Brigos- e deben ter acceso a elas todos os cidadáns e cidadás".
Decisión persoal de Cal
Con respecto á decisión de David Cal de abandonar o CGTD para a súa preparación cara a Pekín, o subdirector de Deportes indicou que "paréceme sorprendente, non xustificable, e prodúceme pena, porque considero que temos unha das mellores instalacións posíbeis, aínda que, loxicamente, calquera deportista é libre de escoller o lugar que prefira para o seu adestramento". O subdirector finalizou a súa comparecencia insistindo, unha vez máis, en que "as portas do CGTD seguen abertas para David Cal".