Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DESPOIS DE CASE CINCO HORAS DE ASEMBLEA

Díaz Pardo resiste á fronte do IGI

O intento de destitución foi freado polos accionistas defensores do intelectual, que argumentaron un defecto de forma na convocatoria da xunta.

Marcos S. Pérez / Vídeo: Lucía Iglesias - 23:30 23/01/2008

Entre os accionistas do Instituto Galego da Información presentes onte na xunta atopábanse coñecidos representantes da política, as letras ou o xornalismo, como Camilo Nogueira, Xesús Alonso Montero, Euloxio Ruibal, Xusto Beramendi ou Luís Álvarez Pousa. Varios deles foron o principal apoio de Díaz Pardo, argumentando durante horas ao seu favor, do seu labor á fronte de Sargadelos e do IGI e en defensa do proxecto orixinal que representan.

O seu obxectivo era conseguir que a asemblea de accionistas non adoptase decisión ningunha sobre a continuidade do intelectual, baseándose nun defecto de forma: unha asemblea convocada por mandato xudicial non ten competencia para tomar ese tipo de decisión. En consecuencia, na acta só figurará unha leve crítica á xestión de Díaz Pardo, por non presentar as contas de 2006 e por non ter convocado a asemblea ordinaria de accionistas a tempo. De momento, polo tanto, continuará como conselleiro delegado do IGI. Toda unha vitoria.



Apoios a Díaz Pardo
Durante as case cinco horas que durou a xunta, máis de cincuenta persoas convocadas por Arredemo, así como os propios traballadores do IGI, agardaron ás portas da sala, berrando nalgúns momentos consignas de apoio a Isaac Diaz Pardo. Vivíronse algúns momentos máis tensos, sobre todo cando saían da asemblea os directivos de Sargadelos, como Santiago Sineiro ou Segismundo García. Entre as persoas que se concentraron atopábanse Miguel de Lira, Ugia Pedreira, Carlos Santiago, Mónica García ou Marilar Aleixandre. A alegría entre eles ao remate era evidente e sonora.

Porén, no fondo é inevitábel pensar que esta vitoria de Isaac Díaz Pardo e dos seus partidarios é unha batalla gañada nunha guerra perdida. O consello de administración do Instituto Galego dá Información está controlado polo Grupo Sargadelos, que ten o 75%. Os actuais propietarios de Sargadelos, opostos a Díaz Pardo, poden solicitar a convocatoria extraordinaria dunha nova asemblea coa destitución do intelectual como único punto do día.


4,89/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Díaz Pardo amosábase feliz ao remate da asemblea
Díaz Pardo amosábase feliz ao remate da asemblea
Ao redor de 50 persoas concentráronse no IGI en apoio de Díaz Pardo
Ao redor de 50 persoas concentráronse no IGI en apoio de Díaz Pardo
Os xornalistas agardaron durante horas ás portas da sala na que se celebraba a xunta
Os xornalistas agardaron durante horas ás portas da sala na que se celebraba a xunta
O intelectual estivo acompañado de moitos amigos
O intelectual estivo acompañado de moitos amigos