O candidato do Partido Radical gaña a primeira rolda das presidenciais -a segunda será o 3 de febreiro- co 39,6% dos votos. Tadic obtivo o 35,5%.
Tomislav Nikolic e a súa esposa, este domingo en Belgrado
O candidato do Partido Radical, Tomislav Nikolic, gañou cun 39,6% dos votos a primeira rolda das eleccións presidenciais que tiveron lugar en Serbia este domingo, quedando por diante do seu rival, o actual presidente Boris Tadic que obtivo o 35,5%.
Xa que logo, Nikolic non conseguiu a maioría absoluta, polo que será necesario unha segunda volta, prevista para o 3 de febreiro. O índice de participación foi do 61%, unha marca importante, que algúns analistas atribúen ao feito de que Serbia estea a piques de perder Cosova.
Un destes expertos, Djordje Vukadinovic, afirmou que "a xente deuse de conta do importante que son estas eleccións xa que, dependendo de quen gañe, Serbia decidirá a súa futura orientación cara a Rusia ou cara á Unión Europea".
Reaccións
Nikolic, que apoiou as políticas de Slobodan Milosevic durante os noventa, alegou que "os cidadáns demostraron o seu desexo de cambio e por iso defende a unidade de Serbia".
Tadic tamén se opón á independencia de Cosova, mais a súa postura achégase a unha liña de acordo coa Unión Europea: "Non permitirei que volvamos a 1990, e non renunciarei nin á loita por Cosova nin a un futuro europeo", dixo.