Cualificou o programa do PP como "o das tres erres: recentralización, retroceso social e retorno ao pasado".
Quintana, na presentación do programa e das candidaturas do BNG
O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, salientou este sábado en Compostela a importancia de Galeuscat de cara ás vindeiras eleccións xerais de marzo para a construción dun Estado plurinacional, aínda que reivindicou que o BNG "ten o seu propio programa".
"Non queremos un Estado cun cerebro central que todo o entende, o atende e o decide", senón que "estamos pola construción dun Estado en rede, plurinacional, plurilingüístico e pluricultural", proclamou.
Neste senso, admitiu compartir criterios coas forzas políticas que compoñen Galeuscat para "avanzar no recoñecemento do Estado español como plurinacional".
Pactos post-electorais
Ao respecto das posíbeis coalicións que se poidan derivar dos resultados dos comicios, Quintana deixou claro que o BNG "só estabelecerá os seus pactos baseándose en ideas e propostas".
Deste xeito, declarou "non ter ningún atavismo contra ningunha forza política nin contra o PP", mais considerou que as ideas de Mariano Rajoy son "totalmente inaceptábeis". "Son a antítese do que defende o BNG", rexeitou.
Así, cualificou o programa do PP como "o das tres erres: recentralización, retroceso social e retorno ao pasado" e considerou que "o mellor freo" a estas propostas "é o BNG, sen ningún xénero de dúbidas".
Estatuto de Nación
Quintana reivindicou ademais que a presenza da formación frontista no parlamento español é a "única garantía" para conseguir un Estatuto de Nación para Galiza durante a vindeira lexislatura que sexa tamén "aprobado e respectado por Madrid".
Na mesma liña, recordou que "hai cinco meses, o Estado "deu por pechado o paquete transferencial a Galiza" e "considerou totalmente cuberto e cumprido" o actual Estatuto de Autonomía. "Abondou" que o BNG "fose decisivo" para "cambiar ese criterio e que Galiza puidese mellorar o seu autogoberno".