As investigacións abertas a varias mulleres en Barcelona supoñen "un enorme retroceso para a sociedade", laiouse Rosario Fernández Velho,secretaria de Acción Feminista do BNG.
"A lexislación actual fai enormes concesións cos sectores reaccionarios que seguen limitando o dereito a decidir", criticou a responsábel de Acción Feminista da executiva do Bloque. Rosario Fernández Velho avanzou que no primeiro treito da próxima lexislatura, o BNG vai levar ao Congreso unha proposición non de lei para a "despenalización do aborto". Fernández Velho lembrou o "compromiso rotundo e histórico" dos nacionalistas neste sentido, e defendeu a necesidade de que se aprobe unha lei de prazos que regulamente a interrupción voluntaria do embarazo.
Así, o BNG solicitará que a rede sanitaria pública preste o dereito ao aborto "con todas as garantías", incluíndo o apoio psicolóxico posterior. "Non se pode obviar a carga emocional que supón o aborto para as mulleres", sinalou. Ademais, as nacionalistas propoñen que se introduzan de forma paralela medidas educativas e que se lle facilite "sempre" a pílula poscoital ás mulleres cando a pidan.
Ao respecto das citacións xudiciais enviadas a mulleres por abortar e que son actualidade recente, o BNG esíxelle ao goberno español a apertura dunha investigación que determine se implica "unha vulneración do dereito á intimidade". Rosario Fernández Velho estivo acompañada durante a súa comparecencia pola directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, quen nun artigo en Vieiros anunciara esta semana a súa autoinculpación en solidariedade coas mulleres acosadas xudicialmente. Á beira, estiveron tamén no acto a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán; Ana Luísa Bouza, directora xeral do Servizo Galego de Igualdade; Ana Pontón, deputada no Parlamento e Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova.