Opinou o secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, que se pechará o "mapa" e non haberá máis traspasos cando se completen as reformas estatutarias.
Do mesmo xeito que defendeu a "adaptación ás novas realidades" que na súa opinión implican as recentes reformas estatutarias afrontadas por diversos parlamentos autonómicos, o secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, tamén asegurou que o seu partido considera que unha vez que ese proceso se complete darán por "pechado" o mapa do Estado.
"Deberemos considerar o marco resultante como definitivo", advertiu en entrevista para El País. "O desenvolvemento do marco competencial do Estado das autonomías terá concluído e o marco de competencias quedará pechado", cando se completen as reformas en marcha, segundo subliñou.
Críticas do PPdeG
O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, criticou que o PSOE aposte "agora" por pechar o mapa autonómico tras unha lexislatura durante a que na súa opinión "non houbo criterio sobre o modelo territorial". Segundo Rueda, os socialistas "teñen todo por facer" neste asunto.
En declaracións a Europa Press, Rueda referiuse así á proposta do secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, de pechar durante os próximos catro anos o desenvolvemento autonómico coas reformas estatutarias que quedaron pendentes. "O PSOE pretende agora darlle sentido a algo que non o tivo nos últimos catro anos, xa que Zapatero actuou hipotecado por servidumes a Cataluña", aseverou.
A xuízo do secretario xeral do PPdeG, os mapas autonómicos péchanse dándolle máis competencias e autogoberno ás comunidades autónomas". Precisamente, no que se refire a os traspasos pendentes en Galiza, Rueda dixo ver un "panorama desolador", caracterizado segundo os populares por un "cero absoluto" dende que Emilio Pérez Touriño é presidente da Xunta.
O PSdeG apoia a reflexión de Blanco
O secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela, coincidiu co responsábel de organización socialista a nivel estatal, Xosé Blanco, en que "unha vez se alcance o teito competencial" coa fin dos procesos de reforma dos Estatutos, débese "pechar o mapa do Estado".
Varela mostrouse de acordo con Blanco e advertiu que "o dos Estatutos non pode ser un modelo indefinido, indeterminado e permanentemente inconcluso", senón que "debe ter un mapa que remate encaixado no Estado das autonomías". Así, o dirixente socialista apostou por concluír as reformas que aínda faltan, entre as que se atopa a galega, "alcanzando o máximo de competencias e autogoberno". Unha vez logrado, "os retoques deben ser mínimos" e o proceso debe quedar pechado porque, na opinión de Varela "non pode ser un modelo permanentemente aberto e que poida xerar un debate permanente".