Nunha entrevista en Europa Press lembra que, pola súa experiencia, “coñece a estrutura do Estado”.
O número un do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, xoga á indefinición á hora de falar das súas arelas na política estatal. Nunha entrevista para Europa Press non aclarou se, en caso dunha vitoria de Rajoy, pasaría a ocuparse do Ministerio de Fomento, unha hipótese que se baralla nos cenáculos políticos do país dende hai semanas logo de que o presidente da Deputación de Ourense dera por feito. “Éme igual quen sexa o ministro, porque xa eu respondo do programa electoral”, sinalou un Feijoo que ten como tarefa supervisar o programa popular de infraestruturas.
Aínda que Feijoo reiterou que o seu compromiso con Galiza é “indiscutíbel” alimentou aínda máis as cábalas ao dicir que estaba “orgulloso” de ter traballado durante sete anos en diferentes ministerios: “Hai políticos galegos que a única experiencia que teñen é a de ser concelleiro ou a de dar clase. Aínda que iso sexa importante, tamén o é coñecer a estrutura do Estado”.